A Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda aplicar tratamento para o mildiu nas viñas que estean máis desenvolvidas

Pontevedra | O centro dependente da Deputación suxire tamén incrementar a vixilancia sobre a posible aparición do moteado nas maceiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, ven de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda a aplicación de tratamento nas viñas máis desenvolvidas, pois nalgunhas estase a detectar presenza do mildiu. Deste xeito, a responsable dos avisos da EFA, Rosa Pérez Otero, apunta a que a climatoloxía húmida e con precipitacións destes días previos motivou que non se freara a incubación do fungo e as previsións meteorolóxicas que manteñen a choiva para as vindeiras xornadas previsiblemente serán a orixe de novas contaminacións potenciais cuxos síntomas irán aparecendo. Por esta razón, suxire que onde haxa desenvolvemento suficiente da vexetación se aplique un tratamento aproveitando os días ou períodos sen precipitacións. No resto de viñas recomenda manter as revisións periódicas co obxectivo de detectar o primeiro síntoma e tratar tan pronto se detecte.

Estes tratamentos soen realizarse agora con produtos sistémicos ou penetrantes, cos que a viña queda protexida se transcorre unha hora entre a aplicación e as precipitacións. Amais, a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas. O aviso lembra tamén que o volume de caldo debe ser baixo e as boquillas axeitadas para reducir a deriva do tratamento, e nunca debe aplicarse con vento, polo que deben terse en conta as previsións de ventos intensos como as que, por exemplo, se anuncian para o día 11.

Lembramos que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

No que respecta ás viñas, a EFA non atopou síntomas ou signos doutros parasitos. Tan só avanzou, moi lixeiramente, a erinose. Pola súa banda, os caracois seguen manténdose nas viñas onde se detectaran así como os danos por vento.

Doutra banda, o aviso de Areeiro fai mención ao moteado no caso das maceiras. Aínda que nas parcelas de seguimento revisadas non se atoparon os primeiros síntomas e as plantas presentan un desenvolvemento bastante heteroxéneo, a EFA recomenda que, como vai permanecer o tempo húmido, será necesario incrementar a vixilancia, en especial en variedades moi sensibles onde se repitan os ataques en todas as campañas.

A Estación Fitopatolóxica recibiu estes días consultas acerca da aparición de síntomas nos limoeiros compatibles con Phytophthora hibernalis. Tanto se confirman que é esta enfermidade coma se os síntomas poden ser doutro patóxeno, Rosa Pérez lembra que é conveniente manter as árbores o máis ventiladas posible, e que é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados, tanto aqueles accesibles na propia árbore como os caídos ao terreo.
Por último, no que atinxe ao buxo, nesta semana non se observou evolución algunha na maioría de sebes de Cydalima perspectalis (bolboreta), pero si avanzaron os síntomas detectados nunhas plantas de buxo dun xardín abandonado. Por iso, e aínda que as condicións meteorolóxicas non son especialmente favorables ao insecto, a EFA insiste na revisión das plantas, tanto se aínda non trataron coma si xa o teñen feito.

Pontevedra, 8 de abril de 2020
Saúdos
Gabinete de Prensa