Presentouse a obra de saneamento de Padróns, Prado e Pías aos colectivos parroquiais

O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, reuniuse cos colectivos veciñais e comunidades de montes das parroquias de Padróns, Pías e Prado, para darlles a coñecer o proxecto de saneamento e o paseo fluvial que unirá Ponteareas e Mondariz Balneario e que descorre polas anteditas parroquias.
O alcalde, que estaba acompañado polo concelleiro de Servizos Comúns, Jesús Cao Vila; a primeira tenente de alcalde, Belén Villar González e o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Novoa Iglesias, informoulle aos colectivos veciñais da importancia da obra que se ía acometer e que contará cun investimento de preto dos 2,3 millóns de euros.
Salvador González Solla, puxo en coñecemento dos representantes veciñais que, unha vez realizado o levantamento topográfico e a correspondente redacción do proxecto, o Concello xa puxera a disposición da Xunta de Galicia, a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) os terreos propiedade do Concello.
Durante a reunión, explicóuselles aos veciños que os terreos particulares precisos para a realización das obras de saneamento, serán de ocupación temporal mentres duren as obras, mentres que no caso do paseo fluvial serán de ocupación definitiva. Neste último caso, explicóuselles aos representantes parroquiais que tan so afectaría a unha franxa de 5 metros dende as beiras do río Tea.
Nesta reunión contouse coa participación de representantes da Asociación de Veciños de Xinzo, quen aportou interesantes datos sobre a importancia da colaboración as Asociacións de Veciños e Comunidades de Montes en este tipo de obras, tal e como acontece do Saneamento de Xinzo, Arnoso e Areas que grazas á colaboración dos colectivos das tres parroquias, acomete agora a súa quinta e última fase, por importe superior a 1,4 millóns de euros.
Os veciños, explicouse na reunión, son os que mellor coñecen o terreo e, polo tanto, os que poden facer as mellores suxestións sobre este tipo de actuacións de saneamento, para que poidan ser realizadas do xeito máis rápido e eficaz.
Segundo o proxecto presentado, a lonxitude desta rede de saneamento será de algo máis de 8 quilómetros distribuídos en 1,15 quilómetros en Padróns, 3,5 en Pías e 3,7 en Prado. Amais, de cara a protexer o entorno do río Tea ditas canalizacións chegarán sempre ás estacións depuradoras de augas, polo que o proxecto inclúe a construción de 3 EDAR’s, unha en cada parroquia.
Segundo Salvador González Solla, “unha vez que a EPOSH dispoña dos terreos solicitados, o proxecto será enviado ao concello para telo, durante un prazo dun mes, no período de exposición pública, previo ao inicio da súa licitación e posterior execución”.
Para o Alcalde ponteareán, “a pesar dos complicados tempos que nos tocou vivir, esta obra amosa a clara intención do Goberno Local de seguir apostando polas infraestruturas básicas, como son o saneamento das nosas parroquias”.