De ruta por Arbo

Paisaxe de biñedos con historia entre as ribeiras do Miño e as montañas do Paradanta.

Arbo | Manuel Xiráldez, miñoto arabense.

“ O Minho! O jardim de Portugal”, escribiu José Augusto Vieira en O Minho Pittoresco ( 1886-1887), “O Miño! O xardín de Galicia”, podemos dicir nós desde a beira arabense fronte a Melgaço entre veigas, requeixos e varcias adicadas á vide. Un medio propicio traballado desde hai mil anos con sabiduría e perseverancia pola man de labregos e labregas que gozan cando ven que as viñas parecen “andores”, ornamentais e dispostas para unha boa colleita.Se antano o viño era alimento, fonte de enerxía e un básico sustento económico familiar, hoxe é unha actividade industrial de alcance económico importante e os albariños, condados e novos espumantes de Arbo bébense polo mundo adiante. Un breve percorrido pola historia do viño lévanos a saborear aínda con máis pracer os caldos miñotos arabenses.

A historia estrita da vinicultura arabense, o seu auténtico punto de partida, iníciase na Idade Media e vincúlase ao dominio monástico-señorial, converténdose o viño desde entón nunha bebida en un recurso rendista de gran valor no transcorrer da vida cotiá e no devir deste territorio. Da mesma maneira, o gran desenvolvemento da pesca acontece nesta época, fundamentalmente nos séculos XII e XIII, igualmente relacionado coa extensión e o fortalecemento do poder señorial das institucións eclesiásticas.

A orixe nuclear de Arbo, en concreto da parroquia de Santa María de Arbo, parte das referencias aos lugares de Sanctus Petrus de Aravo e ecclesie sancte Marie de Aravo, vencellados daquela ao mosteiro de Melón e á granxa ou explotación agrícola que posuía nesa zona, na que se converteron en fundamentais o cultivo de cereais e da vide. Este feito explica o topónimo actual A Granxa, lugar histórico situado na Vrea Arriba, onde se atopa a capela de San Pedro e por cuxa cercanía transcorre o camiño real Tui-Ribadavia tras a súa entrada pola Cividade.
Na marxe galega da denominada Terra de San Martiño de Ladróns ( “ sub castello Sancti Martini de Latronibus in ripa Minei…”), o que hoxe sería a comarca do Paradanta, situábanse os lugares medievais de Sante Marie de Aravo, Sanctus Petrus de Aravo, Sancta Marina de Seela,… nos que tiñan dominios o mosteiro de Melón, o mosteiro de San Salvador de Albeos, o mosteiro de San Martiño de Sela, o mosteiro portugués de Fiaes (Melgaço), o mosteiro de Celanova,..ademais das propiedades do rei ou reguengos, as dos nobres laicos como é o caso da Encomenda de San Xoán de Mourentán ou o caso do cabaleiro Johan Soarez de Chapela, e en menor medida as dos campesiños.

Esta importancia do viño quedou reflexada nas abundantes escrituras medievais que fan continuas referencias ás viñas e ás porcentaxes que levaba o poder señorial, ben en produto ou ben en moeda. Así, nun documento de 1228, Foro a Pedro Arias de Sante Marie de Aravo, queda rexistrado o acor-do do mosteiro de Melón con este veciño “ tal que anualmente nos deas o imposto de costume que nós e o antedito mosteiro noso acostumamos ter na antedita igrexa, a saber, catro moios entre pan e viño e 40 sólidos; o pan e o viño até a festividade de San Miguel…” ( o moio equivalía a oito olas ou cántaras de 16 ou 18 litros).