O Pleno do Concello das Neves aproba a modificación puntual do planteamento urbanístico do antigo cuartel da Garda Civil

Esta edificación, situada na Praza de San Agustín, é edificio histórico catalogado, que fora ampliado no seu día para a súa transformación en cuartel e que, posteriormente, coa construcción das novas dependencias da Garda Civil en Salvaterra, quedou abandonado.

As Neves | A modificación puntual do planeamento urbanístico neste zona urbana das Neves servirá para garantir a preservación do patrimonio cultural, nomeadamente no referido á edificación da antiga casa cuartel da Garda Civil, incluída no catálogo do PXOM (E 1202), e ao BIC que na mesma se integra, adecuando o seu réxime de protección á vixente Lei de Patrimonio Cultural de conformidade co recollido no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio en 2017.

Esta decisión, subliña o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “permitirá, entre outros proxectos, a conversión do cuartel en residencia para maiores”.

Tamén, completará a estrutura do núcleo urbano das Neves procurando a través da ordenación deste ámbito a acaída articulación, funcional e formal dos desenvolvementos das últimas décadas coa vila tradicional, partindo do espazo público como principal elemento de integración.

Ao tempo, garantirase a conservación da pequena fraga existente no ámbito facendo compatible o seu uso para o lecer cidadán como zona verde pública coa preservación do seu valor natural e paisaxístico e reducirase a pegada da ordenación minimizando a artificialización de solos e os movementos de terras.

Está modificación do PXOM tamén vai permitir dotar ao núcleo urbano das Neves dunha residencia de maiores dando así resposta as necesidades da poboación e fomentando o desenvolvemento económico e a xeración de emprego.