Exposición fotográfica “Memoria industrial en Galicia”

Proxecto persoal de José Chas para poñer en valor a memoria industrial galega
Fotografía da antiga fábrica de xabón de Mollavao incluída na exposición. JOSÉ CHAS.

Dende hai 15 anos José Chas, fotógrafo pontevedrés, desenvolve un proxecto persoal para poñer en valor a memoria industrial galega. Un proxecto de anos que ten continuidade ao longo do tempo e que se pode seguir no blog Memoria industrial en Galicia.

“Sempre sentín atracción pola ruína industrial. Nun primeiro momento fixen un traballo fundamentalmente artístico, moi centrado na composición estética e nas cores. Pero pouco a pouco, segundo avanzaba o proxecto e ía profundizando nel, decateime de que o interese era outro. Estaba realizando, sen querer, a catalogación dun patrimonio”.

Dende o xoves 10 de xaneiro a través da exposición “Memoria industrial en Galicia” no Pazo da Cultura de Pontevedra e ata o 24 de febreiro, Chas amósanos unha selección de 20 fotografías deste proxecto, algunhas delas inéditas no blog e feitas entre 2012-2018 incluíndo fábricas localizadas nas catro provincias galegas.

Paralelamente á exposición celebrarase unha charla-coloquio aberta ao público sobre o proxecto. Abordarase a temática da memoria industrial desde unha perspectiva multidisciplinar: histórico, arquitectónico e artístico, a realizarse na Casa da Luz en 17 de xaneiro ás 19h30. Contará coa participación de Xoan Carmona Bardía, profesora de Historia e Institucións Económicas da USC; Cristina García Fontán, arquitecta e coordinadora da titulación da paisaxe da UDC e Manuel Sendón Trillo, profesor de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

O proxecto está aberto, José Chas segue traballando. “Preciso tempo e recursos”, explica. “O proxecto está aberto. Teño moito avanzado por Pontevedra e A Coruña. Pero quédame moito por documentar. Sobre todo no interior de Galicia”.

“Teño moito avanzado por Pontevedra e A Coruña. Pero quédame moito por documentar. Sobre todo no interior de Galicia”

Finalmente podería ir máis lonxe e avanzar no desenvolvemento dun catálogo ou libro fotográfico con todo o material.

Pazo dá Cultura de Pontevedra ata o 24 de febreiro de 2019

  • Luns, pechado.
  • Martes a venres de 18 a 21h.
  • Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h.
  • Domingos de 12 a 14h.