Máis de 350 persoas participarán esta semana no programa “Depotermal 2018”

Máis de 350 persoas de 9 concellos da provincia desfrutarán desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que este ano vai beneficiar a máis de 4.000 veciñas e veciños

Pontevedra | Desde este domingo e ata o vindeiro venres 23 de novembro, un total de 354 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán desfrutar dunha nova edición do programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra.

Máis polo miúdo, na modalidade diúrna, participarán 101 persoas que virán dos concellos de Vila de Cruces e Marín. Dende o luns 19 e ata o venres 23, os veciños e veciñas de Vila de Cruces acudirán a gozar dos tratamentos termais no Acquaform Termas de Cuntis e os veciños e veciñas de Marín aproveitaranse dos circuítos termais no Balneario Isla da Toxa.

Pola súa banda, esta semana participarán na modalidade con pernoita ata 253 veciñas e veciños que sairán dos concellos de Tui, Vigo, Pontevedra, Meaño, Redondela, Cangas e Bueu. Máis polo miúdo, aloxaranse en réxime de pensión completa, con acceso diario aos circuítos termais, dende este domingo e ata o vindeiro venres 23, 86 persoas no Gran Talaso de Sanxenxo, 47 no Hotel Louxo La Toja, 38 persoas no Hotel Vía Argentum, e outras 82 persoas no Hotel Carlos I Silgar.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, “Depotermal 2018” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1968, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou precisan dun respiro familiar.