Ana Miranda leva ao pleno do Parlamento Europeo a reclamación para ilegalizar a Fundación Franco

A eurodeputada do Bloque afirmou que o presidente do goberno te “unha oportunidade histórica” de executar a ilegalización

Bruxelas |  A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu no Parlamento Europeo para poñer de relevo a “anomalía democrática” que supón que no Estado Español exista unha fundación como a Fundación Franco, polo que reclamou a súa ilegalización.

“Existe en Alemaña unha fundación Hitler? Non. Existe en Portugal unha fundación Salazar? Non. Existe en Italia unha fundación Mussolini? Non. Mais na España si existe a fundación nacional Francisco Franco”, indicou Ana Miranda ao comezo da súa intervención, na que destacou que esta fundación fai apoloxía da ditadura española que se prolongou durante máis de 40 anos.

Para o BNG é intolerable que en Europa se faga apoloxía do fascismo, polo que Miranda destacou que o actual presidente Sánchez ten “unha oportunidade histórica de ilegalizar a fundación Franco”.

A europarlamentar nacionalista criticou asemade que esta fundación denuncie manifestantes pacíficos que loitan contra o fascismo, como os 19 pacifistas que entraron no pazo de Meirás o pasado 30 de agosto, “por delito de odio”. Lembrou que estes manifestantes pedían a devolución deste inmoble, que actualmente pertence á familia Franco, ao pobo galego.

“É o mundo ao revés, unha fundación que fai apoloxía do fascismo denunciando a activistas pacíficos por delitos de odio”, afirmou a eurodeputada, quen asegurou que o Bloque seguirá reclamando a devolución das propiedades usurpadas polo ditador, non só o pazo de Meirás, senón tamén a Casa Cornide e as esculturas de Isaac e Abraham, cuxo lugar orixinario é a catedral compostelá.