Contos, lendas, mitos e beneficios educativos.

Ó falar de tradición oral na educación dentro da contorna europea, cómpre resaltar a súa pegada dende a Grecia antiga, papel educativo destacado non só na formación intelectual, se non tamén no físico. Era un sistema educativo por desgracia xerarquizado, onde os que non accedían á escola, víanse relegados á aprendizaxe de certos traballos, que se transmitían no ámbito familiar entre xeracións e de boca en boca.

Ó longo de moitos séculos, como na idade media, a tradición oral impregnou a diversas sociedades de saberes, sendo unha ferramenta educativa empregada nas familias, igrexas, prazas públicas… Na actualidade ou ata non fai moito, algúns aínda nos lembramos do seu estudo, coa memorización ou recitado de: adiviñas, cancións, poemas, trabalinguas, etc.

Como principais características dos contos, lendas e mitos, diremos que tiñan a función de entretemento, dotaban de explicacións, creacións, misterios, orixes… incluso dende certos estamentos, unha finalidade instrutiva. Outro trazo destacable e común é o anonimato destas historias da oralidade, que están e estiveron sometidas ó paso da xente e do tempo, dando lugar a posibles alteracións, modificacións ou variacións nelas co devir.

Non se pode negar que a cultura, intervén no proceso de desenvolvemento dentro da etapa educativa do propio neno/a, formándoo individualmente e co seu entorno. Por iso, podemos encadrar este trinomio cos contidos propios do curso que corresponda, aproveitando para impulsar unha pedagoxía que escape da plena memorización de textos. Podéndoos empregar como trasmisor de valores educativos, pedagóxicos e didácticos sobre o grupo-aula instaurado no centro.

Así, a trasmisión de coñecementos, é algo co que se pode xogar á hora de contar estas narracións. Se ben, como sinalamos con anterioridade estas formas tiñan esa finalidade, no presente seguen contendo esa capacidade, que perfectamente preparada, contribúe para estimular outros campos.
Con actividades ben preparadas e axeitadas, co seu traballo podemos conseguir a mellora da creatividade entorno á operación invención-creación, estando consecuentemente innegable neste proceso a imaxinación, como membro inseparable da conformación do mundo ou de historias recreados por el/ela.
Mellora da expresión e comprensión oral, onde poderán comprender o narrado e emitir a creación dun texto, traballando esa expresión. Destacar que estudosos relatan a importancia da estimulación da linguaxe oral nos primeiros anos, sendo fundamental para o tratamento de dificultades no seu desenvolvemento.

Potenciación da expresión e comprensión escrita. Cando a oralidade se transmite ó escrito, pódese incluír a comprensión de diferentes textos, a capacidade de síntese e redacción, enganchando a técnica da escrita co trazo ou coa grafomotricidade. Por consecuente, induce á mellora da capacidade lectora, ben co propio hábito lector ou coas actividades nas que estea presente esta acción. Tanto este apartado como o anterior, permiten alcanzar un vocabulario máis rico e amplo, axeitado para empregar en contextos diferentes.

Outro punto sería a transmisión de valores como coa educación intercultural, con situacións que fagan florecer esa fraternidade, solidariedade, emocións empáticas e outras que camiñen cara unha educación para a paz, promovendo a convivencia entre persoas de calquera parte do mundo.
O pensamento crítico mediante debates e coloquios, o traballo do aprendizaxe individual e grupal e a consecución de autonomía, serían outros elementos conqueribles con este conxunto.