“Na investigación non se inviste cunha visión a longo prazo”

Thais Pousada | Finalista mellor docente universitaria

Thais Pousada

Thais Pousada (Ponteareas, 1985) foi finalista como mellor docente universitaria no premio Educa de Abanca. O seu terreo de traballo é a terapia ocupacional, unha disciplina relativamente nova dentro do ámbito de atención sociosanitaria. O seu labor docente na Universidade da Coruña implica novas técnicas de ensino ademais de facerlle fronte aos escasos investimentos en investigación. Falamos con ela para tratar estes dous puntos e outros como saber que é a terapia ocupacional, ademais de proxectos futuros.

Ti es diplomada en terapia ocupacional, pero que é a terapia ocupacional se llo tiveses que explicar a alguén que nunca oíra falar desta área?

Non me sorprende que me sigan preguntando que é a terapia ocupacional porque aínda é unha profesión moi descoñecida.

O terapeuta ocupacional é un profesional, entre o sanitario e o social. Traballa coa persoa e a súa familia para apoiala a diminuír ou eliminar certas dificultades que ten no día a día. O obxectivo principal é promover ou facilitar a autonomía persoal e a participación nas actividades cotiás daqueles que, por motivos de doenzas, enfermidades, situacións sociais ou factores complexos, teñen algunha dificultade para implicarse nas ocupacións que elixiron. Para iso empregamos diferentes recursos, técnicas de intervención especializadas, asesoramento en produtos de apoio,como cadeiras de rodas, adaptacións do fogar e accesibilidade ou abordaxes comunitarias. Ten un amplo rango de actuación nos ámbitos da infancia, discapacidade física, saúde mental, sociocomunitario e xeriatría, que é un dos campos que máis demanda ós terapeutas ocupacionais en Galicia.

Fuches elixida finalista como mellor docente na categoría Universidade dentro de España, no premio Educa de Abanca. Supoño que influría o feito de ter sido alumna. Que puntos non aplicaches na túa experiencia docente que ti tiveras que pasar como estudante?

Cando eu estudiaba na mesma facultade onde hoxe dou clase, o que me xeraba máis tensión era a necesidade de asistencia, si ou si, e a imposibilidade de faltar as prácticas. Quizais era eu quen mo tomaba moi a peito e pensara que se me poñía enferma, non podía ir ás clases ou prácticas e por iso suspendería. O caso é que ese estrés mo fixo pasar mal e non quero que os meus estudantes teñan a mesma sensación. Por iso, dentro da responsabilidade que lles esixo de asistencia e compromiso coas clases, tamén son algo flexible cando un alumno/a ten motivos importantes de índole persoal que lle compliquen a asistencia e facilito o posible a recuperación.
Outro dos puntos que non comparto é o feito de ter que memorizar un lote de contidos para gravalos nun exame escrito e esquecerse dos mesmos unha semana despois, a clásica “chapatoria”. Un profesional de calquera ámbito, pero especialmente nas disciplinas sociosanitrias, ten que comprender o problema que ten que afrontar e razoar as súas intervencións. E iso non se consegue só con memorizar, xa que o estudante ten que facer análises críticas da realidade e por iso trato que sexa así nas miñas materias e nas avaliacións que realizo.

Actualmente es profesora na Universidade da Coruña, como é unha clase de Thais Pousada?

Difícil pregunta, xa que quizais a miña idea de “boa clase” podería diferir da dos meus estudantes. Pero en xeral, gústame “provocar” as súas reaccións. É dicir, tento facer preguntas durante as sesións para que poidan expresar as súas opinións e establecer un debate crítico, senón, sería moi aburrido.
No grao en terapia ocupacional, as materias seguindo a liña de Bolonia, teñen diferentes formatos. Por un lado temos “clases maxistrais” de grupo grande, que se poden facer máis dinámicas con vídeos, debates e mesmo enquisas con móbiles. Por outro, cos grupos pequenos se traballa en laboratorios, onde vemos a parte más práctica da materia. Estas clases dan moito máis xogo para propoñer situacións que se atoparán como profesionais e que teñen que resolver aplicando a teoría, e aprendendo tamén a partir dos erros. Eu, por exemplo, nas miñas materias emprego a miúdo un piso adaptado que temos na facultade, un laboratorio de estimulación sensorial e un “laboratorio azul” con materiais específicos da nosa intervención para que os estudantes podan coñecelos, manexalos e practicar cos compañeiros nunha aprendizaxe colaborativa. Non aborrecemos, xa ves.

Desde logo que fincar os cóbados é necesario, pero facendo un exercicio de imaxinación, como podería unha persoa aprender unha rama científica sen ter que estar constantemente aplicándose sobre apuntes e libros, e internet claro?

Saír á rúa, estar en contacto directo coa sociedade. Só así se aprende dos problemas reais ós que se terán que enfrontar coma profesionais. Hoxe en día temos acceso a cantidades inxentes de información, que resultan abrumadoras se non sabemos filtralas e analizar a súa fonte. Por iso, os estudantes teñen que aprender a ler criticamente, observar o que lles rodea, ser persoas activas e participativas, e adquirir a responsabilidade das súas accións.
Non é doado, pero para iso se supón que está a Universidade, para formar e acompañar na súa aprendizaxe ós futuros profesionais, non só darlle “leccións maxistrais” que se quedan nas aulas. Axudarlles a resolver os problemas reais aplicando un razoamento crítico, non a “chapatoria”.

Como ves a investigación científica en España e en Galicia en concreto? Segue valendo o argumento da crise económica para non enviar fondos á investigación?

O investimento en educación e investigación no noso país é un caso de vergoña. Non serven escusas de crise se non se inviste cunha perspectiva a longo prazo. Os xoves titulados, cun grande potencial, que estudiaron nas universidades galegas, teñen que marchar porque aquí non se garante a estabilidade de ninguén.
Pasas horas na facultade, prepáraste con mestrados específicos, algúns mesmo se plantexan facer o doutoramento, pero isto non che garante un posto fixo. Na investigación os contratos son máis ca precarios, moitas veces disfrazados en forma de “bolsas” ou contratos en prácticas, de seis en seis meses. A crise existe para algúns e o diñeiro parece que escapa das mans dos gobernantes. Os proxectos de investigación se manteñen con convocatorias públicas competitivas, cada vez hai máis grupos bos na nosa comunidade, con gañas de facer cousas e avanzar no coñecemento científico e o diñeiro a repartir segue sendo o mesmo ou peor. Non dan as contas.

En concreto na área de investigación que ti aplicas, onde estarían as maiores necesidades hoxe en día?

O grupo de investigación ó que pertenzo, RNASA-IMEDIR da UDC, ten diferentes liñas de investigación co vínculo común das novas tecnoloxías. En concreto, eu traballo no ámbito das tecnoloxías e produtos de apoio para promover a participación das persoas con discapacidade en diversas actividades da vida cotiá, en especial no uso das TICs. Neste ámbito está claro que precisamos recursos económicos para a compra de materiais tecnolóxicos e específicos. Pero o maior gasto está destinado á contratación do persoal para desenvolver os proxectos de investigación.
Por outra banda, dentro das necesidades de innovación propiamente ditas, a poboación coa que traballamos segue tendo carencias en dispositivos tecnolóxicos que lle permitan ser totalmente independentes, ou mellorar a monitorización da actividade das persoas maiores. Pero tamén é preciso investir en I+D para o deseño e desenvolvemento de produtos eficaces e asequibles para a poboación á que se dirixen. Todos os recursos, especialmente software e APP, que vimos xerando no noso grupo son de uso gratuíto, é a devolución da universidade á sociedade.

Desde a túa perspectiva como investigadora, o alongamento da expectativa de vida está influíndo no aumento das doenzas dexenerativas relacionadas coa idade?

Por suposto, hoxe en día vivimos máis, tamén con mellor calidade. Pero eses anos a maiores condicionan a posibilidade de aparición dun maior número de doenzas que antes non eran tan frecuentes. Tamén os avances acadados nos procesos diagnósticos permiten, hoxe en día, detectar enfermidades moito máis facilmente, ou poñerlle nome a algunhas que antes non se sabía da súa existencia.
O Alzheimer, Parkinson ou Esclerose son palabras moi temidas, e asociadas á idade, pero o avellentamento non é o único responsable. Hai unha combinación de factores e casuística que, xunto coa idade, pode condicionar a aparición destas doenzas.

Volvemos coa terapia ocupacional. Existen reticencias, oposición ou abandono neste terreo por parte tanto das administracións que poderían apoiala como do público ao que se dirixe?

Quizais o abandono non sexa tanto polas reticencias ou escaso recoñecemento da profesión, senón polo seu eterno descoñecemento. Un usuario de terapia ocupacional nunca esquecerá deste polo moito que o seu traballo contribuíu coa súa calidade de vida.
Por suposto que ese abandono existe, non hai máis que ver o número de prazas convocadas para oposicións públicas, ou que aínda non exista a figura do terapeuta ocupacional no sistema educativo galego sendo tan necesario, ou nas unidades de neonatoloxía, atención primaria de saúde, servizos sociais dos concellos e un longo etc.
A nosa é unha profesión nova, e cuestiónase moito a nosa potencialidade e funcións antes de coñecer como traballamos e o que podemos conseguir. Se converteramos o abandono en oportunidades de traballar, o aforro de recursos na administración pública sería unha realidade.

A dispersión xeográfica é un punto a ter en conta no caso de aplicárense terapias como a ocupacional. Como verías posible achegar á maioría da poboación esta medida sanitaria?

As condicións de vida, as distancias, a orografía, a falta de medios humanos, económicos e de infraestrutura e unha mala planificación son os ingredientes dun cóctel que afecta á calidade asistencial dos servizos sanitarios e sociais de cara á sociedade. E entre eles a terapia ocupacional. Na sanidade pública, a oferta de prazas na última OPE foi de dous, un número que evidentemente non responde ás necesidades reais da poboación. No ámbito social, xa nin falar porque desde que eu rematei a diplomatura no 2006, non recordo a convocatoria de ningunha praza. A clave, como en todos os ámbitos, está na boa planificación e xestión dos recursos.

Actualmente cales son os novos proxectos que che gustaría abordar e como poderías facelo?

Nestes momentos estou argallando un proxecto sobre como se pode aplicar o baixo custo, ou o Do-it-Yourself, ó deseño e elaboración de produtos de apoio para facilitar as tarefas da vida diaria. É dicir, poder crear produtos totalmente personalizados e adaptados ás necesidades de cada persoa, cun mínimo custo e facilitando que dito usuario participe durante todo o proceso. Para iso, teño a colaboración doutras compañeiras terapeutas que traballan en asociacións e que están en contacto diario coa poboación. Como ves, para aplicar o baixo custo tampouco se necesita moito, pero si medios humanos. Tampouco se precisa convocatorias públicas de grandes millonadas, senón algo máis sinxelo, un apoio ou colaboración dunha institución que aporte o suficiente para contratar a dúas ou tres persoas, terapeutas, que desenvolvan ese importante traballo de campo. Por pedir, que non quede.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.