O Foro do Camiño Portugués en Tui achégase ao seu terceiro relatorio

Será este 22 de xuño, coa intervención do presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal

Tui | O vindeiro martes, 22 de xuño, desenvolverase o terceiro relatorio do Foro do Camiño Portugués, creado polo Concello de Tui no mes de abril. Nesta ocasión contará coa intervención de Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, entidade de promoción turística que agrupa ás administracións públicas e aos diversos axentes implicados no sector turístico do Norte de Portugal.

“A presenza do presidente de Turismo do Porto e Norte é unha excelente oportunidade para coñecer como esta entidade aborda a promoción do Camiño de Santiago Portugués”

A presenza do presidente de Turismo do Porto e Norte é unha excelente oportunidade para coñecer como esta entidade aborda a promoción do Camiño de Santiago Portugués no escenario que marca a superación da pandemia da Covid 19 e a celebración do ano Xacobeo 2021-2022. Igualmente permitirá achegarse ao proceso de certificación das rutas xacobeas que está en pleno proceso no país veciño.

Luis Pedro Martins ocupa a Presidencia de Turismo do Porto e Norte dende 2019 e a dirección da Asociación de Turismo de Porto dende 2020. Anteriormente foi director executivo da Torre dos Clérigos de Porto.

Esta conferencia terá lugar o vindeiro martes 22 de xuño ás 19,00 horas na Aula Cemit (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) e poderase seguir por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal.

Un número limitado de persoas poderán asistir presencialmente ata completar o aforo do local, debendo realizar unha inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que inaugurou o pasado 20 de abril Juan Manuel López-Chaves ao que lle deu continuidade a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o 25 de maio.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis de 2.200 amigos, etc.

“Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello”

Laureano Alonso sinala que esta iniciativa de creación do “Foro do Camiño Portugués” forma parte da vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea levando adiante novas iniciativas que contribúan ao posicionamento do Camiño Portugués e de Tui cara ao futuro que como estamos comprobando neste último mes comeza a recibir peregrinos de múltiples nacionalidade abrindo un esperanzador horizonte.