“Nos programas escolares, as voces literarias seguen sendo maioritariamente masculinas”

Laura de Cáceres Iglesias | Autora do libro "Despois da Erosión"

Laura de Cáceres Iglesias recolle numerosos pensamentos dentro do seu libro “Despois da Erosión”. Un conxunto de ideas, conceptos e pensamentos arredor do empoderamento, do tempo e da pegada final que este deixa de nós. A casualidade foi a que recolleu parte dos froitos que esta autora reflicte agora no seu libro editado en Urutau. Falamos con Laura en Compostela onde fai a especialidade en Literatura Comparada e Teoría da Literatura.

Despois da Erosión parece un título escollido con moito coidado.
O libro recolle o que sería a “erosión” e o final é o “despois” dun proceso de erosión.

A erosión como elemento aliado do tempo para desgastar ou o tempo aliado da erosión?
As dúas fórmulas por igual, o paso do tempo e como afecta ás persoas sobre todo o fenómeno de crecer e o empoderamento. Creo que todas estas fases van unidas.

Cando falas de empoderamento refíreste ao empoderamento como persoa ou máis en concreto como muller?
Como muller mais non falando desde a persoa individual que escrebe senón desde a muller en xeral, a busca dunha voz lírica feminina.

“Dentro da poesía galega, hoxe en día creo que vai aumentando o número de voces femininas”

Non se chegou entón á consolidación dunha voz lírica feminina a pesar de anos de reivindicación.
Dentro do que é o canon creo que non. Penso por exemplo nos programas escolares onde son maioría as voces de autores masculinos. Non obstante, dentro da poesía galega hoxe en día creo que vai aumentando o número de voces femininas.

Os teus estudos e as túas buscas arredor da literatura abríronche novos campos, novas voces e novos estilos descoñecidos para ti?
Realmente levei moi poucas sorpresas. Eu estudo a especialidade de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e por esa vía abríronseme máis portas para entender estilos e a comprensión do canon.

Polo dito ata o de agora, poderíase dicir que hoxe en día tes un bo número de referentes femininos ou son necesarias moitas máis?
Polas lecturas que fixen durante toda a miña vida creo que suman máis as voces masculinas. Aínda así, agora mesmo hai máis mulleres e neste libro en concreto influíron máis voces femininas. En concreto algúns nomes serían María do Cebreiro, Silvia Penas, Olga Novo e moitas outras voces.

“Este libro en concreto influíron máis voces femininas. En concreto algúns nomes serían María do Cebreiro, Silvia Penas, Olga Novo e moitas outras voces”

E con todas esas voces fuches abrindo un camiño, un proceso.
Si, un pouco longo. Nunca escribín pensando en materializar todo nun libro. Publicar Despois da Erosión tivo o seu primeiro paso na presentación dun libro de Silvia Penas que publicara en Urutau, nesa presentación había un libro aberto e animeime a participar. Despois daquilo Penas díxome de enviarlle os poemas para lelos. Todo isto saíu da casualidade mais ata ese momento non tiña conciencia de estar creando un poemario. Despois si, porque chegou un proceso de depuración moi longo para limpar, pulir e arranxar moitas cousas.

Houbo máis persoas detrás da túa decisión de seguir escribindo?
Podo dicir que os meus amigos, porque con moitos iamos facendo recitais por locais e había persoas que si me animaron a facelo. Se non fora pola familia e amigos, non creo que chegase a publicar.

Falas de Silvia Penas, animaríaste agora a crear un espectáculo onde mesturar música cos teus poemas?
Polo de agora non, en tal caso a máis longo prazo. O que si teño programado son dúas presentacións, unha en Vigo e outra en Santiago.

Falabas da pouca presenza da voz lírica feminina. Atreveríaste a crear un traballo poético co obxectivo de achegar máis ao empoderamento da muller dentro da literatura?
Entendo que unha achega así é necesaria. A cuestión é que eu teño unha maneira case automática de escribir e logo engado documentación e fago un proceso de depuración do texto mais non adoito escoller temas, escribo ideas que me chegan para despois traballalas e o que teña que ser, será.

Iso que dis é o teu proceso de creación?
Eu vexo a escritura como unha necesidade, unha maneira de enfrontarme a certos momentos e situacións. É case un proceso de escritura automática, o que sinto nese momento, despois aplico as correccións necesarias.

“Eu vexo a escritura como unha necesidade, unha maneira de enfrontarme a certos momentos e situacións”

Nestes momentos cres que tes escrito traballo abondo para un novo libro a medio prazo?
De momento perfilo textos. Si che direi que publicar por primeira vez abriume un pouco as portas de dicir “ao mellor sigio por este camiño”.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.