Escolas de verán gratuítas de piragüismo e hípica no Concello de Mondariz

O período de inscrición remata o vindeiro 22 de xuño

Mondariz | O Concello de Mondariz, por segundo ano consecutivo, organiza dúas escolas de verán para iniciar á mocidade no piragüismo e na hípica, en colaboración co Club Tea de piragüismo (Mondariz-Balneario) e coa escola hípica A Lagoa (Mondariz). O período de inscrición para ambas actividades, que son gratuítas, comezou o 2 de xuño e permanecerá aberto até o 22 de xuño.

A Escola de Piragüismo está dirixida a mozos e mozas de 7 a 14 anos. É unha actividade que se desenvolverá tres días á semana (luns, mércores e venres) en horario de 10:30-13:00 horas, desde o 28 de xuño até o 10 de setembro.

O Club Tea de piragüismo, con sede no veciño Concello de Mondariz-Balneario, está dentro da Federación Galega de Piragüismo e é moi activo na organización de competicións deportivas de ámbito nacional e estatal, como a Copa de España de piragüismo, na modalidade de slalom olímpico. Aínda que esta actividade é gratuíta, os mozos e as mozas participantes deberán aboar unha tasa de 15 € para federarse.

“O Club Tea de piragüismo, con sede no veciño Concello de Mondariz-Balneario, está dentro da Federación Galega de Piragüismo e é moi activo na organización de competicións deportivas de ámbito nacional e estatal, como a Copa de España de piragüismo, na modalidade de slalom olímpico”

A Escola de Hípica está dirixida a mozos e mozas de 4 a 17 anos. É unha actividade que se desenvolverá un día á semana, a escoller polas persoas participantes: luns, mércores ou venres, en horario de 19:30-20:30 horas, ou sábado, en horario de 10:00-11:00 horas.

A escola hípica A Lagoa está localizada xunto ao complexo deportivo da Lagoa, no Concello de Mondariz, e ofrece actividades formativas, lúdicas e terapéuticas relacionadas cos cabalos.

“Estas actividades permiten dar a coñecer o atractivo medio natural de Mondariz, sobre todo a contorna do río Tea e os seus afluentes, ao tempo que se exploran prácticas deportivas relacionadas coa natureza. Colaborar con organizacións locais tamén é unha decisión estratéxica, pois pretende apoiar actividades emprendedoras de proximidade”, explica o alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

O Concello de Mondariz subvenciona estas actividades grazas á financiación aportada pola Deputación de Pontevedra. Para solicitar máis información e tramitar a inscrición, as familias interesadas deberán contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz a través de teléfono (986 664 306) ou correo electrónico (omix@mondariz.gal).

As prazas son limitadas, polo que se recomenda non agardar até os últimos días do período de inscrición.

Charla informativa sobre as traídas de augas veciñais
Do mesmo xeito, o Concello de Mondariz convoca a representantes das traídas de augas veciñais das diferentes parroquias para debatir sobre a situación actual e os retos de futuro da xestión comunitaria da auga

A charla informativa, programada para a tarde deste sábado 5 de xuño, estará aberta a todas as persoas interesadas.

O Concello de Mondariz convocou esta semana a representantes de traídas de augas veciñais das diferentes parroquias para participar este sábado nunha charla informativa sobre a situación actual e os retos de futuro da xestión comunitaria da auga. No evento, ademais do alcalde e concelleiro de Participación Veciñal, Xosé Emilio Barros, estará Rafael Carrera, directivo da Comunidade Xeral de Augas de Galicia (COXAPO).

“A xestión comunitaria da auga que se realiza a través das traídas veciñais é fundamental e pensamos que é importante promovela con información, orientación e axudas”

“Para este goberno, os servizos básicos son prioritarios. A xestión comunitaria da auga que se realiza a través das traídas veciñais é fundamental e pensamos que é importante promovela con información, orientación e axudas”, sinala Barros.

Unha das novidades do último plan orzamentario municipal foi incluír unha partida de axudas para as traídas de augas veciñais. “É a primeira vez que se inclúe unha partida orzamentaria para esta finalidade. Polo momento é unha cantidade simbólica, pero reflicte o interese deste goberno por apoiar as traídas de augas veciñais no Concello de Mondariz”, engade.

No Concello de Mondariz hai alomenos 43 traídas de augas veciñais que foron convocadas a esta charla informativa. O evento será realizado no Auditorio do Centro Social de Mondariz ás 20:00 horas do sábado, 5 de xuño. A entrada será libre até completar a cabida permitida.