“O noso proxecto destaca pola innovación agroalimentaria: converter o primeiro ‘chourizo’ vexetal”

Keila Pousa Arbones | Directora Comercial de Calabizo
As tres fundadoras da empresa Calabizo, enfocada no mundo vexano.

Nigrán | Fundada en 2015 e con sé en Nigrán (Pontevedra), Calabizo foi consolidándose como unha aposta de emprendemento orientada cara o mundo vexano. Hoxe venden en 1.000 establecementos a nivel estatal, dúas cadeas de supermercados galegas e exportan cara Europa e Canadá. Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico falou con Karla Pousa Arbones, directora comercial de Calabizo.

Podedes comentarnos cando nace Calabizo e sobre o seu modelo de emprendemento?
Unha das fundadoras de Calabizo, traballando de cociñeira nun restaurante vexetariano, detectou que moitos dos seus clientes botaban de menos o sabor de certos produtos cárnicos como o do chourizo ou xamón. E pensou nos chourizos da súa terra, nos chourizos de cabaza e na maneira de convertelos en chourizos 100% vexetais. A nosa receita xorde dos chourizos de cabaza da localidade ourensá do Barco de Valdeorras.

“A nosa receita xorde dos chourizos de cabaza da localidade ourensá do Barco de Valdeorras”

Despois dun tempo de investigación e primeiras probas, fomos capaces de emprender o noso proxecto grazas a presentarnos a unha aceleradora de empresas chamada VIAGALICIA, promovida polo Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Galicia. Era a 2ª edición e, en xaneiro de 2015, o noso proxecto foi un dos 10 elixidos de entre 200, o que significou que conseguísemos financiamento, préstamos e asesoramento para a posta en marcha do noso negocio. En setembro de 2015 vendíamos os nosos primeiros Calabizos, con moi boa aceptación por parte dos consumidores.

Cantos produtos alimenticios facedes en Calabizo?
Basicamente elaboramos 2 tipos de produto: calabizo, o embutido de cabaza, 100% vexetal e potaxe de garavanzos con calabizo, conseguindo a primeira potaxe vegana do mercado con sabor a potaxe tradicional. De cada tipo de produto ofrecemos diferentes referencias en canto a formato e sabor.

O embutido de cabaza é un dos produtos estrelas de Calabizo.

En que espazos comerciais estades traballando?
Os nosos produtos Calabizo están presentes en preto de 1.000 puntos de venda en España, maiormente en tendas de barrio, tendas especializadas: veganas, ecolóxicas, herboristerías, ecotendas, e cadeas de herbolarios e en 2 cadeas de supermercados galegas, ademais de numerosos restaurantes esencialmente veganos e vexetarianos.

“Os nosos produtos Calabizo están presentes en preto de 1.000 puntos de venda en España e en países como Alemaña, Reino Unido, Francia, Bélxica, Holanda, Finlandia, Portugal e en breve en Grecia.”

A cantos países exportades os vosos produtos?
En Europa vendemos a algunhas tendas en países como Alemaña, Reino Unido, Francia, Bélxica, Holanda, Finlandia, Portugal e en breve en Grecia. Tamén temos presenza en Canadá.

Como ten sido a receptividade social ao voso emprendemento?
A verdade que desde os nosos inicios o noso proxecto tivo moi boa acollida, tanto polos consumidores veganos, desexosos de novos produtos veganos á vez que nutritivos, como por consumidores non veganos, que lles preocupa seguir unha alimentación saudable. O noso proxecto destaca así mesmo pola innovación agroalimentaria; fomos capaces de adaptar unha receita tradicional de chourizo galego de cabaza para convertelo no primeiro “chourizo” vexetal do mercado elaborado como tal, seguindo o mesmo modo de elaboración, co seu proceso de afumado e curado.

“O noso proxecto destaca así mesmo pola innovación agroalimentaria; fomos capaces de adaptar unha receita tradicional de chourizo galego de cabaza para convertelo no primeiro ‘chourizo’ vexetal do mercado elaborado como tal”

E o mesmo coa potaxe de garavanzos. O noso emprendemento está creado no rural, en Nigrán (Val Miñor) e o noso equipo está formado por mulleres, de máis de 30 anos e que viven na zona, polo que estamos orgullosas de ofrecer postos de traballo para mulleres no rural.

Recentemente, a Zona Franca anunciou o seu apoio a Calabizo para instalarse no Porto do Molle. Que expectativas tedes sobre este novo salto empresarial?
As instalacións onde estamos situadas actualmente (estamos nunha das naves bioclimáticas de Porto do Molle) estánsenos empezando a quedar pequenas, razón pola cal desexamos dar este pequeno salto, para ser capaces de dar resposta á nosa demanda e aumentar a nosa produción e poder desenvolver máis produtos e ampliar a nosa oferta de produtos vexetais.

“O veganismo é unha filosofía de vida máis que un modelo de nutrición”

Calabizo aposta pola gastronomía vegana. Considerades que está en auxe a nivel mundial este modelo de nutrición?
O veganismo é unha filosofía de vida máis que un modelo de nutrición. Obviamente esta filosofía leva intrínseca unha forma de alimentación, na que se exclúe calquera alimento de orixe animal por respecto cara a eles. O movemento vegano, aínda que é minoritario, está en rápido crecemento, por todo o que está a suceder a nivel mundial: cuestións de maltrato animal, enfermidades que xorden por mor de alimentos de orixe animal, a forma de criar animais que afecta o medio ambiente, aos ecosistemas e dalgunha maneira ao cambio climático.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.