“A música e Mondariz”, un libro que valoriza a tradición musical da vila

Será presentado este 8 de maio, no Auditorio do Centro Social de Mondariz

Mondariz | O Auditorio do Centro Social de Mondariz acolle este sábado, 8 de maio, a presentación do libro “A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións”, escrito por Chiqui Bernárdez, Raquel Faro e Félix Rodríguez e editado por Dos Acordes.

Trátase dun ensaio de 156 páxinas no que se diserta sobre a gran tradición musical do pobo de Mondariz. Segundo os seus propios autores, busca poñer en valor a cultura popular, reivindicando a importancia da memoria e da transmisión de coñecementos entre xeracións.

“Trátase dun ensaio de 156 páxinas no que se diserta sobre a gran tradición musical do pobo de Mondariz. Segundo os seus propios autores, busca poñer en valor a cultura popular, reivindicando a importancia da memoria e da transmisión de coñecementos entre xeracións”

Os tres autores comparten unha longa experiencia na música folk da comarca do Condado. Chiqui Bernárdez, como guitarrista, formou parte de varias agrupacións galegas desde a súa xuventude. Nos anos noventa foi membro do grupo “Trisquel”, co que gravou tres discos.

Unha vez disolta esta agrupación, continuou innovando musicalmente xunto a antigos compañeiros en grupos como “Valigai”, co que gravou o seu cuarto traballo discográfico, e “Pédêpötè”, do que forma parte actualmente. Raquel Faro, como percusionista, tamén ten unha extensa traxectoria en agrupacións de música tradicional galega e grupos de música folk como “Boureo”, “Volta e dalle”, “Folieiros de Lavadores” e “Pédêpötè”. Félix Rodríguez, que domina varios instrumentos e composición de arranxos, foi integrante de “Aturuxo Folk”, “Boureo”, “Irmandiños de Vincios” e o “Coro Tradicional Cantares de Brión”, donde exerceu como subdirector.

O libro xurdiu dun traballo de documentación iniciado por Chiqui Bernárdez hai máis de dez anos. Ao proxecto foron sumándose Raquel Faro e Félix Rodríguez, compañeiros de aventuras musicais con inquedanzas compartidas. “En maio de 2016 creamos un blogue (https://amusicaemondariz.blogspot.com) e a partir de xaneiro de 2017 comezamos a darlle forma ao libro, transcribindo partituras, documentando e redactando”, explica Chiqui Bernárdez.

“O libro xurdiu dun traballo de documentación iniciado por Chiqui Bernárdez hai máis de dez anos. Ao proxecto foron sumándose Raquel Faro e Félix Rodríguez, compañeiros de aventuras musicais con inquedanzas compartidas”

“A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións” dedica o seu primeiro capítulo a presentar a tradición musical de Mondariz. De seguido, profunda na contribución de Benjamín Fernández Pazos e da Sociedad Artística del Tea durante as primeiras décadas do século XX, tan relevantes na historia de Mondariz e Mondariz-Balneario. Este labor divulgativo compleméntase coa recopilación de partituras e fotografías da época.

A edición desta obra recibiu apoio do Concello de Mondariz. “A localidade ten unha fonda tradición musical. É un orgullo que os veciños e as veciñas emprendan proxectos de recuperación cultural como estes”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O evento de presentación comezará ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo permitido. Contará coa presenza dos tres autores e do editor, Javier Jurado.