Mos recibe a nova normalidade cun programa estival de actividades ao aire libre

A partir de xuño e coincidindo co fin do Estado de Alarma

Mos | Tras ter retomado a actividade ao aire libre para maiores mediante o programa municipal no Paseo do Louro e no parque biosaudable da Pateira titulado ‘Activa – mos – nos’, o Concello de Mos traballa, coincidindo co fin do Estado de Alarma o vindeiro domingo 9 de maio, nunha programación deportiva e cultural para a volta á ‘nova normalidade’ da veciñanza de cara ao vindeiro mes de xuño, que será cando se inicien as actividades.

Mos volve así á vida municipal activa, pero sempre primando e garantindo todos os protocolos e medidas anti Covid-19: desenvolvemento en exteriores, mantemento das distancias de seguridade, aforos reducidos, uso de mascarilla, desinfección e hixiene… etc.

Esta iniciativa nace da colaboración entre as concellerías de Cultura, Participación Cidadá e Benestar Social que dirixe Sara Cebreiro, Deportes dirixida por José Areal, e Medio Ambiente e Mocidade a cargo de Leo Costas; e foi presentada esta mañá no parque biosaudable de Sanguiñeda pola alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada dos membros do equipo de goberno local.

O pasado mes de abril daba comezo o programa ‘Activa – mos – nos’ de actividade física para maiores que se imparte en grupos de 4 persoas con monitor deportivo cumprindo con todas as medidas anti Covid-19 en 2 sesións á semana de 1 hora de duración. Iniciouse esta actividade vista a necesidade de ofrecerlle aos maiores diferentes actividades nas que o deporte e o exercizo físico sexan o núcleo fundamental.

“O Concello fai extensivo este obxectivo á poboación xeral e prepárase para promocionar unha vida saudable ao aire libre e nas instalacións públicas exteriores durante todo o verán”

Agora o Concello fai extensivo este obxectivo á poboación xeral e prepárase para promocionar unha vida saudable ao aire libre e nas instalacións públicas exteriores durante todo o verán.

Deste xeito organizaranse clases de pilates no parque de Sanguiñeda, de zumba en Costoias (Tameiga) e de aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio.

Así mesmo levaranse a cabo andainas tanto medioambientais como culturais.
As medioambientais discorrerán por montes e carreiros das parroquias. Realizaranse de xuño a outubro polas parroquias de Pereiras, Cela, Mos, Torroso e Louredo. Todas terán un percorrido mínimo de 5 km e máximo de 8,5 km. Son de percorrido moderado apto para todas as idades, e ademais poderanse realizar acompañadas de mascotas sempre que estas saiban convivir con máis animais e en compañía de persoas. Contarán coa presenza de Protección Civil, indicacións nos cruces para que ninguén se perda… etc. Todas se celebrarán durante as mañás dos domingos.

Desde a concellería de Medio Ambiente estase a traballar tamén nun programa de sendas e percorridos por Mos para dar a coñecer os recunchos do concello, que se poderán consultar na web municipal e simplemente consiste en que a xente se descargue no móbil a aplicación Wikiloc e grave o seu roteiro, ten que ser sempre por espazos públicos e de libre tránsito, e envialo ao Concello que se encargará de subilo a esta plataforma creada na web.

As andainas culturais levarán por título ‘Coñece a túa parroquia’. Discorrerán polas parroquias de Sanguiñeda, Petelos, Tameiga, Dornelas e Guizán e os camiñantes participantes irán acompañados dun guía que lles explique os recursos patrimoniais, arquitectónicos, escultóricos, históricos e culturais que vaian atopando na súa ruta por cada unha das mencionadas parroquias.

Deste xeito nas andainas culturais visitaranse os sitios emblemáticos de cada parroquia: lugares, monumentos, igrexas, aspectos de flora e fauna, etc. Vincularase ás persoas da parroquia respectiva que queiran colaborar e teñan coñecemento profundo dela, así como aos curas párrocos para poder visitar as igrexas/ermidas respectivas.