Viaxe a Brasil.

Fun a Brasil dúas veces. No 1993 de lúa de mel e outra de repetición no 1994 cuns amig@s. As dúas veces fomos a Baía, o único estado de maioría negra no Brasil e por onde entraban @s escrav@s traíd@s de África. O bairro máis sonado da cidade é o Pelourinho, onde os facendados das prantacións de cana de azucre, cacao ou café tiñan as súas casas.

“Fun a Brasil dúas veces. No 1993 de lúa de mel e outra de repetición no 1994 cuns amig@s. As dúas veces fomos a Baía, o único estado de maioría negra no Brasil e por onde entraban @s escrav@s traíd@s de África”

Nun lugar destacado está “o pelourinho” en si, ou poste onde @s am@s castigaban @s escrav@s. As casas, de variadas cores, son fermosas e están ocupadas por tendas de souvenires, artesanía, restaurantes, bares,… A policía militar estaba en cada esquina, porén ao pouco de chegarmos xa me roubaran limpamente o monedeiro. Os meninos da rúa vendían pequenas cousas aos turistas como cintas de música e outras. Era un ruxe-ruxe que había pistoleiros pagados por comerciantes sen escrúpulos que os asasinaban. Nós fixemos amizade cun daqueles nenos, duns sete anos, que nos acompañou até o final. Vimos tamén turistas occidentais acompañados de rapazas adolescentes. En xeral, había moita prostitución. Había favelas, porén nós non nos atrevimos a entrar en ningunha. Daquela non era nada recomendábel.

Os hoteis de luxo estaban cercados con alambradas e protexidos por gardas de seguridade. Naquel ambiente de inxustiza e desigualdade había moita delincuencia. Cando fomos ao parque do Pituaçú (unha especie bosque tropical virxe e salvaxe, cheo de monos e aves exóticas, que arrodeaba un lago grande) estaba tomado polos bandidos. Estabamonos internando nel, pola pista que o arrodeaba, cando un neno en bicicleta, que enviara a policía militar, que estaba na entrada, díxonos que era muito perigoso entrar alí, que había bandidos. Que deramos a volta. Pouco despois, lendo o xornal no hotel, informaban da nova de a policía militar tivera un enfrontamento armado cos bandidos e que mataran varios e outros fuxiran.

Visitamos un museo en Cachoeira, que só tiña unhas láminas, porque o resto fora roubado. Estando nós alí, lin na prensa que os bandidos asaltaran un autobús, roubaran aos pasaxeir@s e dispararan ao condutor. A policía militar nalgúns ambientes sociais tiña mala imaxe, porén tamén eran vítimas daquel estado de inxustiza social. En São San Salvador metímonos nunha zona perigosa e a policía militar volveunos salvar o pelexo, dicíndonos que marcharamos dalí, que aquela zona era demasiado arriscada para nós.

Visitamos a casa- museo de Jorge Amado, vimos grupos de percusión tocando polas rúas, fomos á Illa de Itaparica nun barquiño que semellaba unha pateira, fomos a Valença, onde paseamos por un mercado cheo de froitas tropicais. Algunhas praias tiñan cocoteiros e eran tan brancas que o reflexo da luz do sol te cegaba. Había postos nos que vendían cocos verdes, dábanlles tres cortes cun machete, poñiánlle unha palliñas e tiñas un refresco natural máis barato que unha coca-cola. Fixemos amizade cun vendedor que se chamaba Salomão, amosoume as feridas que tiña no corpo de pelexas con arma branca e acompañounos un tempo, deixando un substituto no posto de cocos. Fixemos tamén unha excursión á selva da zona da mata, atravesando en coche facendas de kilómetros e kilómetros, nas que había familias de xornaleir@s que vivían en paupérrimas cabanas de madeira.

Todos os días tomabamos zumes de froitas de papaia con laranxa ou de ananás, refrescos de guaraná, cervexas Brahma de 3/4 de litro. Comimos en restaurantes de turistas e en restaurantes do pobo nos que probamos a feijoada, un prato orixinariamente de escra@s, feito con fabas e sobras de carne variada da mesa d@s am@s. Visitamos tamén a Igrexa do Bom Jesús da Baía e alí preto vimos a danza- combate da capoeira, orixinaria dos escravos. Trátase dunha arte marcial defensiva, reconvertida en danza para que @s branc@s non sospeitasen. @s escrav@s fuxid@s das prantacións formaron Quilombos ou mini-estados libres, que resistiron a opresión branca coas armas.

A vexetación era exuberante e, cando aquí era outono, alí todos os días chovía abundantemente unha media hora. Logo, despexábanse as nubes e volvía saír o sol.

“Unha das cousas máis fermosas destas viaxes -aparte da compañía- foi a posibilidade de entenderme con aquela xente en galego. Porén as persoas coas que tratei non sabían da existencia de Galiza e pensaban que eramos portugueses”

Unha das cousas máis fermosas destas viaxes -aparte da compañía- foi a posibilidade de entenderme con aquela xente en galego. Porén as persoas coas que tratei non sabían da existencia de Galiza e pensaban que eramos portugueses.

Cando Brasil gañaba unha copa do mundo de fútbol eu levaba unha alegría, porque era a ledicia de todo un pobo, distante no espazo pero achegado no corazón. Porén aínda me alegrei moito máis cando o PT de Lula e Dilma gañou as eleccións varias veces. Ogallá volva saír o sol outra vez en Brasil…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.