Somos Ribadumia esixe ao goberno municipal respecto polos procedementos democráticos

Ante as "irregularidades" nas convocatorias dos plenos extraordinarios

Ribadumia/Somos Ribadumia | A través dunha carta enviada á Corporación Municipal, o voceiro da agrupación Somos Ribadumia, José Enrique Oubiña Lago, solicitou ao goberno municipal unha maior “seriedade no funcionamento municipal, en particular no que respecta aos funcionamentos democráticos” debido ás irregularidades presentadas pola convocatoria dun pleno de carácter extraordinario previsto para a semana do 19 ao 25 de abril.

Somos Ribadumia explicou que “o pasado 9 de abril tivo lugar unha xunta de voceiros onde se lle trasladaron aos voceiros da oposicións os diferentes puntos do próximo pleno, de carácter extraordinario e a celebrar segundo se nos transmitiu na semana do 19 ao 25 de abril. Enrique Oubiña, por motivos laborais non puido acudir, cuestión da que informou por mensaxe á concelleira de Contas ao mesmo tempo que lle solicitou que transmitira se era posible calquera cuestión que se falase nesa xunta. A única resposta da concelleira foi unha foto dun papel cos puntos a tratar no pleno, sen aportar ningunha outra información”.

Explica esta agrupación que “ese mesmo 9 de abril, como ven sendo habitual dende inicio da lexislatura remitíusenos a través dun correo electrónico, nun arquivo pdf unha convocatoria para este martes 13 de abril, as 21:00 horas co obxecto de celebrar sesión Extraordinaria de CI Contas, Economía, Facenda, Persoal e Réxime Interno, para o estudio e resolución dos seguintes asuntos comprendidos na Orde do Día: Aprobación Orzamento Municipal para 2021, Modificación bases axudas COVID 19 e Aprobación bases axudas directas Deputación a sectores afectados pola pandemia. Nin no corpo do correo electrónico nin na propia convocatoria se incluía ningún tipo de información adicional relativa á documentación, que de maneira habitual viñase mandando xunto ao documento da convocatoria ou en correos posteriores”.

Por tanto, Somos Ribadumia solicitou que, “en adiante, calquera modificacións dos funcionamentos municipais que afecten aos partidos políticos, se comuniquen adecuadamente, e con tempo e marxe suficiente para, se fora o caso, realizar as adecuacións necesarias”.

Criticou tamén que “o goberno local non ten o máis mínimo interese en manter unha relación de colaboración coas forzas da oposición”, toda vez pediu que se “abandone a estratexia da confrontación, e se opte por unha relación baseada na defensa de principios e propostas de carácter político, e non en cuestións de carácter persoal”