Os Bens do Mosteiro de Melón en Arbo: o Foro do Rial (1666)

Artigo de Manuel Xiráldez, miñoto arabense

I. O mosteiro de Melón ( s.XII-s XIX): un gran Señor cun gran dominio no sur de Galicia
Desde o século XII (fundación en 1142 ou 1158), o Mosteiro de Melón convertérase no sur de Galicia nun gran Señor cun gran dominio sobre unha ampla área xeográfica pola provincia de Ourense (Melón, Ribadavia, Avión, Allariz e Verín) e pola provincia de Pontevedra ( Vigo, 0 Morrazo, Redondela, A Cañiza, Crecente, Arbo e Salvaterra). Este poder e influencia xa se rexistra no Aravo medieval nos séculos XII-XIII e o extenso dominio continúa nos séculos XVI- XVII-XVIII.

“Desde o século XII (fundación en 1142 ou 1158), o Mosteiro de Melón convertérase no sur de Galicia nun gran Señor cun gran dominio sobre unha ampla área xeográfica pola provincia de Ourense”

O mosteiro organizou a súa riqueza patrimonial e explotación dos seus dominios mediante o sistema de granxas, que eran explotacións agrícolas afastadas do mosteiro nun principio cultivadas polos irmáns conversos que residían nelas e que só acudían ao mosteiro os días festivos ou domingos para cumprir cos preceptos. Cando os irmáns leigos que se atopaban á fronte das explotacións comezaron a escasear, os monxes comezaron a admitir colonos.

Con esta forma de explotación controlábase e organizábase un territorio determinado e ao mesmo tempo conseguíase unha especialización produtiva segundo a zona. Esta especialización produtiva levou ao auxe económico do mosteiro unha vez que os monxes promoveron a implantación do cultivo do cereal e de viñedos nas terras favorables para o cultivo da vide.

A Capela de San Pedro na Granxa. Do ano 1665.

Se o século XV foi tempo de decadencia e desorde espiritual e moral, de situación de caos e desordes internas nas ordes monásticas, de relaxación de costumes, de abusos por parte da nobreza laica e dos señores da rexión contra as súas propiedades ( como as rapinas de Álvaro de Sotomayor e outros), a partir do século XVI o Mosteiro de Melón, incorporado á Congregación de Castela en 1506, pon en marcha unha reforma e leva a cabo unha reorganización económica dos bens monásticos para garantir con iso a subsistencia da comunidade, baseada no cobro das rendas forais e o pago decimal cun sistema centrado principalmente no cultivo do cereal, tanto de trigo como de millo ( o millo groso ou americano é introducido no mosteiro no século XVII), e de viño.

Estas fontes de ingresos permitirán o abastecemento do mosteiro ata o século XIX , a mellora e ampliación dos espazos monásticos desde mediados do século XVI, que se atopaban en estado de abandono desde fins da Idade Media, e o inicio de obras e reformas para substituír as antigas igrexas medievais, dando lugar nesta etapa a unha nova arquitectura caracterizada pola monumentalidade artística ( por exemplo, a substitución das antigas cubertas de madeira polas bóvedas estreladas, o que mellorou a sonoridade dos templos, o traslado do coro a posicións elevadas, espazos máis iluminados,…).

Santa María de Melón chega á Idade Moderna sen ser aquel “gran señor” que fora nos séculos XII e XIII, pero conservando un extenso dominio do que seguirá sacando bo proveito en épocas posteriores ( unha proba disto é que as actuais ruínas do mosteiro foron construídas na Época Moderna).

“Santa María de Melón chega á Idade Moderna sen ser aquel “gran señor” que fora nos séculos XII e XIII, pero conservando un extenso dominio do que seguirá sacando bo proveito en épocas posteriores”

Do século XV ao XVIII imponse o dominio útil e o subforo sobre a terra cultivada. A incapacidade dos monxes brancos de Melón para imporse directamente aos campesiños que traballan a terra ( e moito menos pedirlle a metade da colleita) fará que o cenobio permita que as propiedades que dá a censo sexan á súa vez aforadas polo seu foreiro e facilitando que estes intermediarios consigan unhas ganancias.

O subforo convértese nestes tempos nun tipo de contrato capital e de amplo éxito, cedendo o mosteiro ao subforista a súa capacidade de presión sobre o campesiñado.

II. Bens raíces do mosteiro de Melón na terra e no río arabenses
Neste documento do século XVII, rubricado no lugar de San Pedro da Granxa, en Arbo, os monxes conventuais do mosteiro de Nuestra Señora Santa María de Melón da orde de San Bernardo, outorgan e aforan, “…de por vida de tres señores Reyes o Reinas de España, subsesívos una en pos de otro que la primera es la de la majestad el Rey D. Carlos segundo…”, aos veciños da fregresía de Arbo Gregorio Bernardes, Pedro Alonso e Lorenço Gonçales unha serie de bens raíces na terra e no río demarcados e propios do dito mosteiro.

Entre eles distínguense unha ducia de casas ( “…casa terreña colmada y tejada…casa terreña colmada y junto della una corte que todo está en un curral…un pajar colmado…casa sobradada y tejada…”), unha ducia de herdades e leiras, campos e viñas (“…o Cortiñal do Rial, As Saideyras, Brugueyra, Sobrelos do Rial, Baçoca, Das Cruses, O Menanco, A Pereira, Prego dongal, Veiga de Arbo indo para a poça dongil, Torvela, Senra,…”), auga de rega ( “… un terçio del agoa de formal en el jueves de cada semana…”), prados, montes ( “.. en el monte que llaman de San Sebastián…”, “…en el monte de Debesa de la iglesia de Arbo…”, “…el monte do Neto y Laxas…”, “…en el monte do Castiñeiro…”), soutos, devesas, e unha decena de pesqueiras e naseiros na ribeira miñota.

III. O cultivo da vide
En relación co viño, o documento presente ofrece datos interesantes acerca da localización e extensión do cultivo da vide, medidas de superficie e capacidade, valores e rendas:
“…con mas la heredad de Prego dongal que llebara en semiente tres celemines y medio poco mas o menos y por la caveça della ay cavadura y media de viña y un pedaço de guerta con un parral y parte de un lado con el camino que viene de la ermita de San Benito para la iglesia de Arbo…”.

A parte central do campo estaba adicada a producir fanegas e celamins de semente de pan, centeo e millo miúdo ou painzo, a dieta básica da alimentación, o sustento diario e imprescindible, mentres que a produción de viño ubicábase na cabeceira. Canto era daquela unha cavadura? Enténdese a porción de terreo que podía cavar un home nun día ou nalgunhas comarcas, especialmente nas vinícolas, o equivalente a un ferrado, isto é, nesta zona 4 áreas e 367 miliáreas.

Outras mencións á presenza de viñas aforadas son: “…con mas otra leira de heredad que llaman das Cruses que antes de ahora fue viña y llevara en sembradura diez celemines de pan poco mas o menos y parte de un lado con la viña do Menanco que poseio Domingo de Curras y ahora Juan de Puga y otros y es también del monasterio y de otro lado demarca con viña de Senrra que poseio Juan dalmoíña y ahora la posee Gregorio Rodrigues de Varçela y de otro lado encaveça en el monte de Debesa de la iglesia de Arbo…”.

IV. A ribeira do Miño: o quiñón en pesqueiras e naseiros
No tocante á ribeira no Miño atopamos referencias concretas a pesqueiras existentes neses tempos localizadas no termo da fregresía de Arbo e ao quiñón (parte ou porción da pesca) que correspondía:

“…con mas le dan en este foro el quiñon de la pesquera da Parede da Veiga, e da Pertigadoura e de Retortela y el quiñon de los naseiros Ermos que están en Retortela y el quiñon das Presas do Vito (do Jeito?) y el quiñon do Escumeyro y el quiñon de otros naseiros Ermos y el quiñon do Escurrela y el quiñon do Braço y el quiñon da Lagea do Gavian y el quiñon dos naseiros Disgal( do Figal?), las quales dichas pesqueiras y naseiros están junto al rrio Miño y en términos desta feligresía de Arbo y de todos tocan al monasterio el tercio, de lo que en el naseiro de Escurrela le toca la mitad enteramente los quales le dan en este foro…”.

Pesqueiras no tramo Figueiredo-O Coial, onde se atopaba o “Pertigadouro de Retortela”

O pertigadouro de Retortela xa aparecía citado a finais da Idade Media, ano 1405, no foro a Gonçalvo do Paaço: “…e a Ribeira que a nosa granja de Arvo ha eno pertigadoiro de Retortela…”. Nomes de pesqueiras semellantes aos citados, como Retortelo, Escurrela ou Braço, tamén se localízan no século XVIII na ribeira do couto de Paderne en Melgaço.

V. Renda canon anual en pan, viño, lampreas e sábeles
Coa incorporación do mosteiro á Congregación de Castela a principios do século XVI, en 1506, este centro comeza pouco a pouco o saneamento das súas fontes de ingresos, mediante unha reorganización da distribución das rendas e un control máis efectivo. Neste documento do Foro do Rial establécese con claridade a renda-canon anual que lugar de debe recibir o mosteiro de Melón , no San Pedro de Arbo polo día do Señor San Martiño de novembro para o pan e o viño e polo día do Señor San Marcos de abril para a pesca.

“…Por todos los quales dichos vienes suso demarcados que son propios de dicho monasterio…an de dar y pagar ellos y todos sus herederos … de renta canon y percibir anual doce ferrados de pan mediado ( medrado?), los seis centeno y los seís mijo, medidos por la grande de Avila que oy se usa y el de mais al modo ocho quartas de vino tinto, ocho lampreas y ocho sábalos, puesto y pago todo ello en este lugar de la Granja de San Pedro de Arbo en la casa y parte donde asistiere la persona en nombre del monasterio, viniere a la cobrança el dicho pan y vino por dia del Señor San Martin de noviembre de cada año y començaran a hacer la primera paga dicho pan y vino deste año y dicho vino a de ser pago y las lampreas y sábalos por el dia del Señor San Marcos del año que viene de sesenta y siete y asi aran las demas pagas de cada año asta seren fenecidas las dichas tres vidas…”. Estes bens demarcados non se poden dividir nin partir , senón que andarán sempre xuntos entre os seus levadores e consortes. Ademais deberán ser labrados e reparados de maneira que vaian en aumento “ y no vengan en disminución”.

Obsérvase en canto ao pan a mención a “mijo”, que é o millo miúdo ou paínzo, o que pode levar a pensar que nesta altura aínda non se cultivaba nestas terras o millo americano ou groso, o “maíz”, que posteriormente se estendería totalmente ata hoxe.

Ademais dos bens pertencentes a Melón, a través desta escritura descubrimos a existencia de propiedades aforadas polo mosteiro de Albeos: “…con mas otra heredad que se dice da Pereyra que será dos celemines en simiente y parte de un lado con heredad de Cecilia do rrial que es foro del monasterio de Albeos y oy lo lleva Domingo de Costas…y de otro lado con heredad de Torvela que lleva ahora Pedro do Ferral y es del monasterio de Albeos y encaveça en la vereda rreal que ba por junto a dicha heredad dende Crecente a Tuy…”