A XLI Feira Mostra do Viño de Amandi será en agosto

Eduardo Pérez Bahamonde foi o gañador do concurso do cartel

Sober | Eduardo Pérez Bahamonde foi o gañador do concurso do cartel que anunciará a XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi que se celebrará, previsiblemente, os días 11 e 12 de agosto. A data dependerá da evolución da pandemia e será consensuada coas bodegas da subzona de Amandi nunha reunión que se celebrará no prazo dun mes. Para o concurso recibíronse 25 carteis de Canarias, Cataluña, País Vasco, Baleares, Asturias, Castela-León e A Rioxa, entre outras. O grupo máis numeroso chegou da propia Comunidade.

A proposta gañadora foi a titulada ‘Filiberto Estroncio’ da autoría de Eduardo Pérez Baamonde. Resultaron finalistas os traballos ‘Con moito mimo’ de Isabel Núñez Montero, de Pontevedra, que resultara gañadora no ano 2020; ‘Sabor y Color’ de Alfonso Giménez Ventura de Betxi (Castellón); ‘Amandi Vista Satélite’ de Maica Otero Cores, da Illa de Arousa; e ‘Camiños Rosados’ de Codés Lillo Irimia, de Lourenzá.

Eduardo Pérez Baamonde é natural de Vilalba e exerce como profesor de Debuxo no Ensino Medio. Amante do deseño gráfico e da pintura empeza a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta. Nos últimos anos participa con asiduidade en diversos certames acadando varios premios e recoñecementos. Tamén destaca a súa actividade como ilustrador.

Premios
O gañador recibirá 600 euros, un diploma e un lote de viño de Amandi, e o seu cartel será a imaxe da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi.

Os finalistas recibirán tamén un diploma, un lote de viño de Amandi e os seus carteis estarán nun lugar destacado na exposición que se organice con todos os orixinais participantes no concurso.

O cartel gañador farase público cando se presente a programación do Mes do Amandi, as actividades previas á XLI Feira do Viño de Amandi.