Esquerda Unida Ponteareas acusa ao goberno municipal de enganar coa xestión da auga

Denuncia incumprimento do acordo plenario de 2018 para crear unha Comisión

Ponteareas/EU | En agosto de 2020, o goberno municipal de Ponteareas contratou os traballos de elaboración da documentación técnica para unha nova licitación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración de augas en Ponteareas. Unha vez rematado o prazo de execución en febreiro de este ano, Esquerda Unida solicitou información sobre o contido dos documentos da nova licitación, pero dende o Concello seguen a evitar respostar claramente. Pola contra, na resposta dada pola tenente de alcalde Cristina Fernández, téntase enganar outra vez indicando que no pleno no que se acordou a creación de unha comisión para determinar a forma máis sostible de xestión da auga, o inicio do proceso de remunicipalización, xa se falaba de asesoramento externo. Pero o certo é que o que se permitía era un asesoramento para a comisión. Nada que ver con contratar unha empresa para licitar un novo contrato, que é xusto o contrario do aprobado no pleno de decembro de 2018.

Por iso, dende Esquerda Unida queremos denunciar unha vez máis a falta de escrúpulos do BNG e do PSOE, que non soamente incumpren o acordo plenario de decembro de 2018 para crear unha comisión que determinara a forma de xestión máis sostible da auga como primeiro paso para a remunicipalización do servizo, se non que ademais tentan enganar continuamente con esta cuestión.

Esquerda Unida seguirá a reclamar o cumprimento do acordo plenario de decembro de 2018 onde se aprobou por unanimidade o inicio do proceso de remunicipalización da xestión do ciclo da auga en Ponteareas. Ademais, EU lembra que a xestión directa dos servizos básicos é unha prioridade para calquera organización política que se considere minimamente de esquerdas.