A memoria do país pide a retirada da cruz falanxista de Celanova

Manifesto do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Celanova | O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova promove nun manifesto a eliminación do monumento fascista da cruz dos caídos levantada en 1939 por falanxistas no Outeiro da Obra, en Celanova. O Comité advirte que este símbolo é unha exaltación pública e visíbel do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana, a guerra e a represión política durante a ditadura franquista, polo que está afectado pola Lei estatal de Memoria Histórica, e pedirá a súa retirada polo órgano competente que sinala a mesma lei, o Concello de Celanova.

O manifesto que se fixo público o pasado 16 de febreiro -coincidindo coa data das últimas eleccións da Segunda República- está apoiado pola práctica totalidade das entidades de memoria histórica da Galicia así como por outros colectivos que traballan neste ámbito, e inclúe asociacións de Asturias, Castela e León, Madrid e Euskadi.

“O Comité advirte que este símbolo é unha exaltación pública e visíbel do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana”

Entre os asinantes do manifestos figuran dous ex presidentes da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero; os fillos de figuras destacadas do republicanismo e o galeguismo na República e na posguerra, como Francisco Xabier e Luis, fillos de Celso Emilio Ferreiro; Víctor, fillo de Pepe Velo, que prestou o seu apoio desde Brasil; e, desde México, Luís Soto, fillo de Luís Soto, que acompañou a Castelao na xira diplomática en defensa da República durante a guerra.

Premios Celanova e historiadores
Entre as máis de duascentas adhesións recibidas desde principio de mes están cinco personalidades distinguidas co Premio Celanova Casa dos Poetas (o escritor Manuel Rivas e os actores Luís Tosar e Isabel Blanco, ademais de Ferrín e Alonso Montero) e os principais historiadores da memoria histórica e investigadores das tres universidades do país.

Entre eles, Aurora Marco, Bernardo Máiz, Dionísio Pereira, Xosé Manuel Núñez Seixas (coordinador da comisión no Parlamento galego sobre a recuperación do Pazo de Meirás), Lourenzo Fernández Prieto, Uxío Breogán Diéguez, os autores de “Meirás, un caudillo, un pazo, un espolio”, Carlos Babío e Manuel Pérez, que serviu de base documental para a demanda do Estado por Meirás, Antón Mascato, Eliseo Fernández e Carlos Méixome.

Para o Comité “é unha honra contar coa adhesión e os consellos de activistas incansábeis na loita pola memoria das vítimas como Manuel Monge e Telmo Comesaña, e no ámbito máis próximo Carlos Morais e David Simón”.

Intelectuais
O manifesto tamén está asinado por intelectuais: María Xosé Queizán, Ramón López Suevos, Margarita Ledo e Nemesio Barxa, entre outros; xunto a personalidades principais da cultura como as poetas Eva Veiga e Yolanda Castaño, as escritoras Ledicia Costas, Marga do Val, Ramón Caride e Antón Riveiro Coello, entre outras; a cantante Carme Penim e o pianista Maurizio Polsinelli, o escultor Caxigueiro e o deseñador Xosé Vizoso, autor do Mural do Furriolo, que se comprometeu a restaurar coa axuda do Comité.

Ademais, entre as 219 sinaturas iniciais do manifesto, están as de Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía, e de Xilberte Manso, vicerreitor do Instituto de Estudos Miñorans, ambos mestres no Instituto de Celanova.

Polo seu labor de recuperación da memoria histórica ourensá, o Comité agradece especialmente apoios do profesor Xosé Manuel Cid e de historiadores e investigadores Ricardo Gurriarán Rodríguez, Xerardo Dasairas e Edelmiro Martínez Cerredelo, entre outros.

Novas adhesións
No manifesto que agora se presenta para recoller novas adhesións, singularmente entre a veciñanza de Celanova e da Comarca de Celanova, o Comité indica que “o Concello debe cumprir a lei como primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo e co horizonte de satisfacer os principios de verdade, xustiza e reparación que impulsan o labor dos colectivos memorialísticos ao abeiro das Nacións Unidas”.

Convida ás veciñas e veciños de toda a comarca “a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas e o poder ilegal que se instaurou no Estado durante as catro décadas seguintes”.

Por último, desde o texto, os adherentes e o Comité alentan o debate democrático que xurdirá após da “eliminación do símbolo fascista que alimentou o medo durante máis de oitenta anos” como “unha oportunidade para dialogar co pasado, sobre todo con ese pasado que se nos negou: o das vítimas, como eses 7 últimos presos fusilados pola Bandera de Falange de Marruecos en setembro do 39, e cos legados de personalidades como Luís Soto, Pepe Velo, Celso Emilio e Xulio González (mestre executado en Verea), entre outros e outras que foron borradas da historia”.