A Guarda presenta Plan estratéxico de subvencións 2021-2022

Con dúas modalidades: concesión nominativa e a concorrencia competitiva

A Guarda | O concello da Guarda acaba de aprobar o Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2021-2022, cumprindo así a obriga establecida pola Lei Xeral de Subvencións que establece que os concellos que pretendan outorgar subvencións deben contar previamente co correspondente Plan Estratéxico de Subvencións.

Este plan nace da convicción da importancia do tecido asociativo local e da necesidade de colaborar e impulsar os proxectos de interese social e comunitario que desenvolven estas asociacións, así se establecen dúas modalidades, a modalidade de concesión directa de subvencións e a modalidade de concesión por concorrencia competitiva para a realización de actividades de utilidade pública ou de interese social.

Na modalidade de concesión directa de subvencións, figuran entidades coma Erguete, Avelaiña ou San Xerome entre as entidades con fins sociais, a Agrupación Musical da Guarda, a asociación das Alfombras Florais entre as culturais e entidades coma o club Balonmán atlético Guardés ou o Sporting Guardés de fútbol entre as deportivas.

Na modalidade de concesión por concorrencia competitiva entrarían as axudas para a realización de actividades de utilidade pública ou de interese social.
Nas vindeiras semanas se aprobarán as bases das que sairán as convocatorias para poder concorrer a estas axudas por concorrencia competitiva.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba quere “destacar o compromiso do concello en seguir facendo esforzos por acercar a colaboración do concello a aquelas entidades que desenvolven proxectos de interese social, deportivo ou cultural. Non se pode entender a nosa localidade sen ter en conta todo o traballo que día a día desenvolven centos de veciños en proxectos comunitarios, que serven para darlle prestixio á nosa vila e posibilitan unha riqueza cultural e deportiva sen parangón. Moitas destas entidades teñen unha importancia estratéxica xa que son referentes nos seus ámbitos. No ámbito social é encomiable a labor desinteresada dos diferentes colectivos da localidade que procuran solucionar situacións de precariedade para moit@ veciños”.

Este Plan Estratéxico de Subvencións tamén vai permitir a valoración dos proxectos das diferentes asociacións e posibilitará unha análise pormenorizada para ir mellorando no tempo e permitirá coñecer se se conseguiron os obxectivos perseguidos en cada unha das liñas das que consta o Plan. As subvencións en xeral implican un retorno do esforzo económico da administración local, que este ano alcanzará os 171.960€, en forma de servizos, de oferta formativa, cultural e deportiva.