Inmaculada Ramos, nova directora do Hospital Público de Monforte de Lemos

Terá o reto da reforma integral do Hospital Público

Monforte de Lemos | Sanidade da Xunta confirmou que a doutora Inmaculada Ramos foi elixida para facerse cargo da xerencia do distrito sanitario de Monforte. Inmaculada Ramos naceu en Newark, (Nova Jersey) na que vive unha nutrida colonia galega, pero criada en Quiroga. Despois de licenciarse en medicina especializouse en cirurxía xeral e do aparello dixestivo no Hospital Universitario Gregorio Marañón de Madrid.

Na consellería explican que entre os seus principais retos está consolidar no distrito sanitario de Monforte a integración asistencial entre atención primaria e hospitalaria. Desde hai uns meses, a dirección do hospital de Monforte ten tamén entre as súas responsabilidades a coordinación dos servizos de atención primaria de toda a súa área de influencia, formada por once municipios das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga.

A ela corresponderanlle tamén a dirección do proceso en marcha de reforma integral do Hospital Público de Monforte, que xa está empezado e no que o Sergas prometeu investir máis de 15 millóns de euros.

Inmaculada Ramos “conta cunha ampla formación en xestión sanitaria, especialmente en implementación de novos proxectos e servizos asistenciais”, sosteñen en Sanidade.