“O peche da fronteira é unha desfeita e un absurdo castigo para empresas e traballadores transfronteirizos”

Sandra González | Alcaldesa do Concello de Tomiño

O Concello de Tomiño acolle desde 2018 a eurocidade Cerveira-Tomiño coa súa veciña portuguesa de Vila Nova de Cerveira, unida igualmente a través dunha das pontes transfronterizas mais transitadas, a Ponte da Amizade. A súa alcaldesa Sandra González (BNG) respondeu ás nosas preguntas sobre o recente peche fronteirizo entre Galicia e Portugal.

Como afecta o recente peche da fronteira en canto ás relacións económicas e a mobilidade laboral?
O peche da fronteira é unha desfeita e un absurdo castigo para os traballadores e traballadoras transfronteirizos e para moitas das empresas do territorio. Non se pode entender que os gobernos de España e Portugal cometan o mesmo erro que a pasada primavera. Obrígase a empresas e traballadores a enormes gastos de tempo e diñeiro por non habilitar máis pasos en pontes como a da amizade que une Cerveira e Goián, provocando un efecto funil na fronteira de Valença-Tui.

Como afecta este peche en canto á posibilidade de cooperación sanitaria, tomando en conta que moitos cidadáns viven e traballan pasando a fronteira?
A cooperación sanitaria existe e debe facerse todo o posible por mellorala. Este tipo de peches vai na dirección contraria do que se debería facer en tempos de pandemia e tamén despois: planificar estratéxicamente os servizos dos territorios fronteirizos cunha visión complementaria, que evite a duplicación de equipamentos e mellore a asistencia a unha cidadanía que xa vive, de feito, a cabalo dos dous estados.

Considera que estas medidas son efectivas para paliar os efectos de contaxios da COVID-19?
Outro tipo de restricións á mobilidade xa existían en Galicia e Portugal antes do peche da fronteira, e son efectivas, en opinión de epidemiólogos e outros expertos en saúde. O peche da fronteira, e especialmente a limitación de puntos de paso, parece engadir máis problemas que solucións. De feito, a gran maioría dos vehículos son autorizados a cruzar porque teñen motivos xustificados (laborais ou de transporte) para facelo. Non vexo o sentido sanitario deste tipo de peche de fronteiras terrestres.

Considera Vde. que tanto os gobernos español coma o portugués non se toman moi en serio a existencia das novas institucións constituídas ao longo do río Miño nas que Vde. está representado?
O que se pon de manifesto con estas medidas é o descoñecemento da nosa realidade transfronteiriza e, o que resulta máis preocupante, a falta de interese por coñecela por parte das capitais do estados español e portugués. Polo noso tramo de fronteira miñoto prodúcese case o 50% de todo o tráfico terrestre entre España e Portugal; os intercambios comerciais, económicos, culturais laborais e familiares son os propios dunha comunidade europea, inconcebible con fronteiras. As administracións deben superar unha visión centralista que vai moi por detrás da vida cidadá no noso territorio. Nese sentido, institucións como a AECT Rio Minho ou as Eurocidades estamos a contribuir decisivamente para mudar a realidade.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.