Abertas as inscricións para o Escape Room de temática mariñeira para alumnos de secundaria

Ata o próximo 28 de febreiro

A Guarda | Promover a protección do medio ambiente, o respecto cara ao mar ou poñer en valor a figura feminina na cultura mariñeira. Estes son algúns dos obxectivos do Escape Room REMA 360, unha actividade aberta á participación do alumnado de 1º e 2º da ESO dos centros do litoral galego.

Os estudantes enfrontaranse, de maneira individual, a un xogo a través dunha páxina web que ofrece imaxes en 360 graos, vídeos ou arquivos de audio. A partir destes recursos audiovisuais, os alumnos terán que resolver diferentes probas.

O alumnado realizará un percorrido por 27 museos pertencentes á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA). En cada un deles, deberá superar os retos propostos para poder acceder ao seguinte espazo. Tras completar os museos asociados a cada un dos GALP, os participantes deberán superar unha nova proba para conseguir un obxecto. Os tesouros que irán recadando serán necesarios para resolver o reto final da fase en liña.

Superada esta primera fase de xogo virtual, os finalistas realizarán un Escape Room presencial nun dos museos pertencentes á Rede REMA.

O personaxe protagonista do Escape Room está inspirado en Cristina Fernández, a segunda farera de España, xa xubilada, e que pasou parte da súa vida no Faro de Cabo Vilán, en Camariñas (A Coruña).

O seu obxectivo no xogo é facer funcionar de novo a todos os faros da costa atlántica europea aos que, por un estraño motivo, apagóuselles a súa luz.

Os centros escolares interesados en participar nesta actividade poden realizar a súa solicitude ata o 28 de febreiro da través do correo electrónico rema360@ redrema.eu. As prazas son limitadas e a inscrición é gratuíta. Máis información nesta web.

Pasaporte REMA
Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.