IES Terra de Turonio denuncia a “nula vontade” do Concello para resolver os seus problemas

Problemas de insalubridade, aparcamento e ruídos exteriores

Gondomar | Despois de celebrarse un pleno municipal o pasado venres 5 de febreiro, e á vista do desenvolvemento do mesmo, quedou clara a nula vontade por parte do goberno de resolver a problemática que padece o instituto.

O equipo directivo do instituto enviou un escrito a todos os partidos da Corporación Municipal no que se denunciaba as actividades molestas e insalubres que continúan a padecer, instando a chegar a un acordo para poñer unha solución a esta problemática.
Os grupos da oposición ( Bloque Nacionalista Galego-BNG, Ciudadanos-C´S, Manifesto Miñor-MM e Partido Popular-PP ) presentaron unha moción conxunta na que se relataban as peticións feitas pola dirección do IES Terra de Turonio. Na moción propoñíanse os seguintes acordos:

  1. Instar ao goberno municipal a contactar co propietario da canceira mencionada no escrito ( do IES Terra de Turonio ) a chegar a un acordo satisfactorio para todas as partes. Caso contrario, iniciar os trámites necesarios para solucionar dunha vez las molestias que están padeciendo los alumnos del instituto Terra de Turonio de Gondomar a causa dos ladridos dos cans que perturban claramente o desenvolvemento da actividade educativa.
  2.  Instar ao goberno municipal a iniciar os trámites necesarios para a ampliación á entrada do aparcadoiro do instituto Terra de Turonio e a sinalización do propio aparcadoiro para evitar que particulares aparquen na zona dos autobuses no horario lectivo.

O Sr. Alcalde anunciou o voto en contra do seu grupo despois de realizar un discurso demagóxico con mentiras e informacións totalmente falsas, chegando a concluír que “ non sei o que hai que facer, sinceramente, eu magia non podo facer “.
Evidentemente se como Alcalde non sabe o que hai que facer, para que cobra un salario que pagamos todos e todas ?

As actividades molestas e insalubres están contempladas na lexislación e o Concello é o responsable de aplicar a normativa vixente. Se uns cans molestan e impiden dar as clases a máis de 300 alumnos, non se pode invocar o dereito dos animais a ladrar, iso é demagoxia. Entendemos que o dereito do alumnado e do profesorado prevalecen claramente por moito que se invoque a protección dos animais.

Tampouco vale manifestar que hai 20 anos que sucede isto para botarlle a culpa a todas as corporacións anteriores, o problema hai que resolvelo agora, precisamente neste momento pois desde o pasado ano no verán comunicóuselle ao concello que este curso se ía agravar o problema ao ter que ventilar e ter as xanelas abertas.

En canto ao do aparcadoiro, non se responde ao que se demanda: a ampliación da entrada. Escúdase o Sr. Alcalde na ampliación da beirarrúa que está a facer a Deputación mais que en ningún caso vai resolver o problema do funil da entrada dos autobuses posto que entre a esquina do pavillón e o muro lateral oposto vai seguir tendo a mesma distancia.

As solucións hai que buscalas e non se pode argumentar que cando 4 grupos están de acordo en buscalas e a dirección do centro tamén, non se sabe que facer e votar en contra dicindo que xa está todo solucionado.

Desde o instituto Terra de Turonio seguiremos a denunciar esta situación en todos os ámbitos e por todos os medios ao noso alcance. Lembramos que desde o curso 1999/2000 ten sido denunciado reiteradamente este problema diante de diversas instancias sendo obxecto de sancións e inspeccións, sen que se teña solucionado por parte do Concello esta situación.