Gómez Reino reúnese coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica

Para recoller melloras ao anteproxecto de Lei de Memoria Democrática

Madrid/Unidas Podemos | O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, mantivo esta tarde unha xuntanza coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, unha entidade que leva moitos anos loitando pola xustiza, a democracia e a reparación das vítimas do Franquismo.

A entidade trasladoulle ao deputado diferentes cuestións relacionadas co Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática que o grupo parlamentario intentará mellorar coas aportacións da sociedade civil, de cara á construcción dun texto legal que se comprometa coa defensa da democracia. “Co Franquismo e o fascismo non debemos ser equidistantes, senón loitar por defender a memoria daqueles que nos trouxeron a democracia”, sinalou Gómez Reino.

“Co Franquismo e o fascismo non debemos ser equidistantes, senón loitar por defender a memoria daqueles que nos trouxeron a democracia”

Ademais, co obxectivo de avanzar nas cuestións de memoria democrática que afectan a Galicia, o deputado manterá mañá unha xuntanza co Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez. Gómez Reino tratará temas que a sociedade civil, representada entre outras pola ARMH e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, lle trasladaron en relación a asuntos de tanta relevancia como a recuperación da Casa Cornide da Coruña, a necesidade de convertir a illa de San Simón nun lugar de memoria ou a nomenclatura do rueiro do arsenal militar de Ferrol.

Nese sentido, exporáselle a Martínez a preocupación do Grupo Parlamentario polos usos do Pazo de Meirás tras unha proposta da Xunta “que deixa fóra a outras administración implicadas na recuperación do Pazo, así como as propias asociacións”, sinalou Gómez Reino. O Pazo de Meirás debe ser “un lugar de memoria e tamén de cultura e a proposta unilateral da Xunta, á marxe do Estado e do Concello de Sada, non responde ao que significa o Pazo de Meirás, que non só era un lugar de veraneo do dictador, senón un sitio onde se tomaron decisión políticas no marco dos Consellos de Ministros”, lembrou Gómez Reino.