Apertura do novo aparcadoiro na rúa Alexandre Bóveda en Ponteareas

Cunha superficie de case 1.000 m2 e 32 prazas de estacionamento

Ponteareas | O Concello de Ponteareas abríu ao público o novo aparcadoiro ubicado na rúa Alexandre Bóveda, facendo esquina coa rúa Redondela, e cunha superficie de case 1.000 m2 e 32 prazas de estacionamento.

Os traballos de acondicionamento foron realizados polo Concello con recursos propios e consistiron na preparación e compactación do terreo, instalación dun peche perimetral e valado con barreira vexetal, ademais da sinalización informativa correspondente. O firme do aparcadoiro é de zahorra e non permite o pintado das prazas, pero o Concello procedeu á súa sinalización temporal con cal para que os usuarios poidan coñecer a distribución das prazas para aproveitar ao máximo o espazo con comodidade e seguridade.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, salientou que “esta actuación supón un novo avance para atender a demanda de aparcadoiros en Ponteareas, que se une á recente ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia e que continuará co novo aparcadoiro de Sarmiento Rivera”.

Na actualidade Ponteareas conta con 11 amplos aparcadoiros gratuitos e un privado de pagamento que suman máis de 700 prazas de estacionamento a moi poucos minutos camiñando de calquera lugar da vila. Mera animou á veciñanza a “deixar os coches nos aparcadoiros e desprazarse camiñando nunha vila que reúne condicións óptimas para andar. Temos un centro urbano radial, sen costas, onde é moi doado moverse a pé e onde todo está moi preto e non é preciso levar o coche até a porta do noso destino”.