Lembranza a Lino Braxe desde Italia

De parte de Attilio Castellucci, da Universidade La Sapienza de Roma

Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade La Sapienza de Roma e tradutor, publica a lembranza “In memoria amici Lino ab amico Attilio” na revista literaria Insula europea.

A través dun longo e sentido artigo, Attilio recorda a persoa, o poeta e o amigo co que tantas experiencias partillou en Galicia e, sobre todo en Italia, a onde Lino foi en numerosas ocasións presentar os seus espectáculos, case sempre acompañado de Rómulo Sanjurjo, e onde se inspirou para crear parte das súas últimas obras.

De feito, algúns dos seus libros foron publicados en edición bilingüe galego e italiano. No artigo inclúese parte destes textos en ambas linguas, así como se dá conta da existencia dun poemario inédito que enviou a Attilio, Itálica, do que tamén se inclúe un texto. Pódese consultar o texto italiano nesta ligazón.  A versión en galego tamén está dispoñible aquí.

A web Insulaeuropea.eu, dirixida polo profesor da Universitá de Perugia Carlo Pulsoni, publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas e Europa, entre elas a galega.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.