Expediente contra Mondariz Balneario polo estado ruinoso do Hotel Roma

Denunciado pola Plataforma SOS Fonte de Troncoso

Mondariz Balneario | O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario aprobado no ano 2001 recolle o Hotel Roma como ben cultural obxecto de protección. Inaugurado no ano 1907, este antigo hotel sitúase no centro da vila balnearia e o seu lamentable estado de conservación chama a atención de todos os visitantes polo seu estado de ruína.

Na publicidade do s. XX os seus propietarios promocionaban o hotel “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”

En outubro de 2019 presentamos unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso deste ben protexido, pero non obtivemos resposta, de aí que decidíramos presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo.

Unha vez que estudou a nosa queixa, á que xuntamos abundante documentación complementaria, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, vén de comunicarnos que “dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.”

“En consecuencia, coa data de hoxe iniciamos as actuacións oportunas ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. En concreto requirímoslle que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa.”

Deber de conservación
As leis establecen a obriga dos propietarios/as de bens culturais a conservalos e mantelos en bo estado material, así como o deber dos concellos a ordenar a execución de obras cando o estado das edificacións non sexa o axeitado. Así, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 25:

“1.- Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia están obrigados a conserva los, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.

2.- Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento
do Patrimonio Cultural de Galicia.”

SOS Fonte de Troncoso pediulle á Valedora do Pobo que investigase se as administracións competentes (Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e Concello de Mondariz Balneario) impuxeron á propiedade, unha promotora inmobiliaria radicada en Vigo, as multas coercitivas pertinentes que establece o art. 136.4 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia para casos coma o que nos ocupa, onde o propietario dun edificio protexido incumpre co deber de conservación que lle impón a lei.