PP Ponteareas critica incremento na recadación municipal a base de sancións

Tanto á hostalería como multas de tráfico por valor de case 400.000 euros

Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP alertou hai uns días do incremento na recadación que está a efectuar o bipartito (BNG-PSOE) a base de sancións a negocios de hostalería e en multas de tráfico, que se aproxima aos 400.000 euros, que chegan nun momento moi complicado para os cidadáns de Ponteareas, que están a sufrir os efectos económicos negativos da pandemia.

Sorpréndenos que o concelleiro nacionalista Roberto Mera tache de “falsos” os datos que o PP puxo de relevo en materia de sancións, cando estes saen de documentos oficiais do propio Goberno local e que este parece descoñecer, o que é aínda máis grave.

O PP obtivo os datos de tres decretos asinados polo Alcalde, nos últimos doce meses, con expedientes sancionadores diferentes a multas de tráfico, e que supoñen máis de 215.000 euros en total, ao ser un por 112.708 euros, outro por 72.311euros e un terceiro por 64.554 euros, descoñecendo se existen máis decretos do mesmo tipo nestes meses.

E doutra banda, estarían as multas de tráfico para este ano 2020, que o PP baseándose en datos do ano anterior, cifrounas en 150.000 euros, dato que estes días o propio concelleiro Roberto Mera confirmou en nota de prensa que fixo pública, sendo mesmo superior o importe recadado antes de finalizar o ano.

En ningún caso desde o PP deféndese aos que infrinxen as normas nin se cuestiona o labor da Policía Local, aínda que si o afán recadatorio do goberno local que no canto de facer unha política que “pense en buscar solucións e non perseguir ao veciño e ao comercio con sancións”, fai todo o contrario. ”Non esquezamos que este ano sufrimos un Estado de Alarma no que durante moitas semanas a mobilidade foi nula, ademais dos actuais peches perimetrais”.

Cando o Goberno local considere pode convocar unha Comisión con todos os grupos políticos e o PP daralle copias dos Decretos do Alcalde, á vez que eles nos aclaren canto deses importes decretados polo Alcalde son ingresados no Concello, porque tal e como afirma o concelleiro Roberto Mera “os políticos non quitan multas” e tendo en conta que a Policía Local non sanciona por sancionar, prevemos que a recadación das sancións decretadas polo alcalde, que superan os 215.000€, serán ingresadas no Concello practicamente na súa totalidade.