Ponteareas busca incorporarse en 2021 á rede de cidades transfronteirizas do Eixo Atlántico

Adhesión a debatirse en pleno municipal

Ponteareas | O Pleno da Corporación Municipal debaterá a iniciativa do goberno local para aprobar a adhesión de Ponteareas á rede de cidades do Eixo Atlántico, entidade que promove a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. Unha vez aprobada a adhesión, Ponteareas sumarase oficialmente ao Eixo Atlántico unha vez a súa asemblea dea o visto bo.

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular naceu en 1992 coma asociación transfronteiriza de municipios que configuran o sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Forman parte do Eixo Atlántico preto de 40 concellos galegos e portugueses que representan unha poboación de case 7 millóns de habitantes. Entre os seus obxectivos atópanse a promoción do desenvolvemento e da cohesión económica, social e cultural das cidades que conforman a asociación. As actividades do Eixo Atlántico agrúpanse en catro grandes grupos temáticos: turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

“O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular naceu en 1992 coma asociación transfronteiriza de municipios que configuran o sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou que “participar no Eixo Atlántico é o natural para un Concello coma Ponteareas, con moitísimos vínculos históricos, culturais e económicos co norte de Portugal. Queremos fortalecer o noso papel como unha das principais vilas do sur de Galicia e moi próximas a Portugal e aproveitar a nosa posición estratéxica para reforzar os lazos e as relacións económicas, sociais e culturais co país irmán”.

Represas engadíu que a adhesión se producirá nun intre crucial, pois o Eixo Atlántico definíu un plan estratéxico para a recuperación fronte á pandemia. As súas liñas de actuación van dirixidas á revitalización económica, a transición dixital, a transión verde, a cohesión social e a cultura. “Coa nosa presenza no Eixo Atlántico, Ponteareas poderá participar activamente no deseño de novas políticas e nas propostas que dende a asociación se trasladarán ao Goberno do Estado para definir o destino dos fondos de reconstrución da Unión Europea”, salientou Represas.

O alcalde engadíu que a integración no Eixo Atlántico “será un estímulo para o goberno local á hora de enfocar as súas políticas, especialmente as de desenvolvemento e promoción económica, dende a perspectiva da cooperación transfronteiriza, traballando conxuntamente con cidades de ambos os dous lados do Miño”.