O Concello difunde para a súa veciñanza o Calendario Galego de Ponteareas

A través do web do Concello e das súas redes sociais

Ponteareas | O Concello de Ponteareas compartirá, a través da súa páxina web e das súas redes sociais, o vídeo do Calendario Galego de Ponteareas 2021. Mañá, día 30, a partir das 21:00 horas descubriremos fermosas instantáneas que recollen unha parte do noso patrimonio cultural e natural, lugares únicos que o Concello quere difundir e pór en valor para que sexan coñecidos e aprezados pola veciñanza.

Ao non ser posíbel a presentación presencial, o Concello difundirá a través das novas tecnoloxías o seu Calendario Galego e así chegar a todas as ponteareás e a todos os ponteareáns que se atopan tanto na nosa vila como en diferentes lugares do mundo. Arxentina, Cuba, México ou Venezuela son algúns dos destinos aos que chegará o noso calendario.

O Concello lembra que nos podemos facer cun exemplar na Biblioteca Pública Municipal ou na propia Casa do Concello.

Fernando Groba, concelleiro de Lingua, explica que o Calendario Galego de Ponteareas difunde, cada ano, algúns dos principais elementos que forman parte dos nosos sinais de identidade.

Como novidade, un sistema de xeolocalización acompaña cada fotografía para facilitarlles a súa visita a aquelas persoas que desexen coñecer estes fermosos lugares, que ademais van acompañados dun texto explicativo que ofrece a información máis destacada.