Salvaterra do Miño aposta polo Plan de Acción do Clima e a Enerxía Sostible (PACES)

Aprobado en pleno por unanimidade das tres forzas políticas

Salvaterra do Miño| O Grupo de Goberno ven de presentar en Pleno para a súa aprobación o Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (PACES) para o Concello, que foi aprobado por unanimidade polas tres forzas políticas.

Este Plan está financiado pola Consellería de Medio Ambiente a través da orde do 5 de maio, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto de Alcaldías para o clima e a enerxía sostible,
cofinanciadas polo Fondo Europeo do Desenvolvemento Rexional, con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Un dos compromisos que adquiren os Concellos que se incorporan oficialmente ao Pacto de Alcaldías é a elaborar o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible nun prazo de dous anos. Este plan de acción describe os pasos que deben darse cara os seus obxectivos do 2020 ao 2030, e que ten como fin reducir un 40% as emisións, e que o Concello ven de aprobar en Pleno.

Este Plan inclúe por un lado un Inventario de emisións, tomando como referencia o ano 2018, e as accións de mitigación. Por outro lado unha análise de riscos e vulnerabilidade e as accións de adaptación. Unha vez aprobado, e para avaliar os resultados o Concello terá que presentar un Informe de Seguimento cada dous anos. Cada catro anos actualizarase o inventario de emisións para ver o progreso en relación coa mitigación das emisións e o consumo de enerxía.