“Non se demostrou que a cultura sexa un ámbito de alto risco de contaxio”

Xavier Deive | Presidente da AAAG

O confinamento, e as restricións despois, están marcando os ritmos e o traballo dos actores e actrices. Xavier Deive, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, sinala que moitos e moitas profesionais da escena están tendo dificultades para acceder mesmo a axudas públicas. O mesmo Deive lembra que “hai familias que viven disto, como en calquera profesión”. O orzamento necesario para unha reactivación da escena en Galicia “non se pode calcular”.

-En que aspectos están afectando aos actores e actrices as medidas sociosanitarias por causa da COVID en Galicia?
O sector das artes escénicas, como o do turismo, ou o da hostalaría é un dos que se ve radicalmente afectado. Agora mesmo estamos nunha segunda onda que parece máis intensa que a primeira, isto trae a cancelación de moitas actuacións. A situación é precaria e preocupante.

-As medidas sobre aforos xa as considerastes insuficientes desde o primeiro momento?
As medidas sobre aforos teñen consecuencias como que algúns concellos suspenden actuacións porque, en auditorios con capacidade para 800 persoas, só se lles permite meter trinta espectadores. É como un agravio comparativo, nun supermercado estamos todos máis xuntos e tocamos todo. En calquera caso, son decisións que corresponden a un comité clínico e non sei ata onde podemos discutir esas decisións. Aínda así, se se toman esas decisións habería que mirar unhas contrapartidas para eses sectores. En cultura e artes escénicas en xeral a situación é precarísima e non vexo medidas paliativas suficientes.

-Se pedides axudas directas como se deberan aplicar e a que segmentos das artes escénicas se deberan atender con máis urxencia?
Falamos de profesionais que non poden exercer a súa profesión por motivos alleos á súa vontade e mesmo á súa creatividade. Habería que sentar a todas as partes e mirar quen, podendo demostrar unha profesionalidade mesmo cousas menores como se se cancela unha actuación, a compañía pode recibir unha contraprestación porque non é algo provocado pola compañía ou polo concello. Debera haber unhas contrapartidas, porque este oficio non pode ser fixo pola idiosincrasia da profesión, como moito, fixos discontinuos. É difícil acceder ao paro, ao mellor ese paro estaba esgotado por outras cuestións. Non obstante, hai un punto de inflexión en que un xa non pode buscar as castañas. Hai algunha cousa, mais non carga de traballo como para defender o sector. Hai que buscar algo efectivo para as familias que viven desta profesión. Algúns compañeiros non poden acceder a axudas por diversos motivos.

-A idiosincrasia que apuntabas antes impide a aplicación de ERTES.
Si, porque non hai traballadores fixos. Se acaso dentro de produtoras os ERTE estarán destinado ao persoal fixo, administrativo, etc. Os actores non, creo que non hai ningún contratado fixo, por tanto ao noso oficio é irrelevante o que pode afectar o ERTE.

-Existe o perigo de que non se podan levar adiante ningún espectáculo, mesmo en 2021?
Existe o perigo dentro do Plan de Reactivación. Nós emitimos un comunicado alertando desde a AAAG, que todo o plan estaba articulado arredor dun número alto de actuacións arredor do Xacobeo. Si que é certo que en principio os concellos están polo labor de retomar as actuacións, mais estamos vendo cancelacións e tamén temos a incerteza do 2021, aínda que se anuncian vacinas. Medio ano 2021 como mínimo estará na mesma situación. De momento non vemos unha luz ao final.

-Dalgunha maneira se presentou a idea de facer espectáculos online e monetizalos?
Hai xente que o intentou, mais non é a solución. Nós vivimos de estar diante do público, non ten nada que ver facer algo online, aínda que haxa cousas. Nós non somos youtubers, somos actores que sabemos facer o que sabemos facer, ficción ou contar historias. O outro, son remendos. Unha obra de teatro é imposible de realizar desta maneira. Hai xente que teña un plan B, mais a profesión está nos teatros ou facendo series, sen medo ao contaxio.

-Tedes realizado algún estudo sobre o índice de contaxios en teatros e que resultados vistes?
Como AAAG, non podemos realizar ese estudo. En calquera caso, remitímonos a estudos onde as gráficas demostra que é residual o número de contaxios que pode haber na cultura. A inmensa maioría de porcentaxes están dentro do eido privado. Mesmo a hostalaría que está sendo maltratada, está demostrado que non é un lugar de contaxio masivo. E a cultura tampouco se demostrou que sexa un lugar de alto contaxio e as medidas de seguridade son extraordinarias. Mesmo nalgúns teatros as medidas poden ser redudantes. A cultura é segura.

-Que cantidade mínima estimades para que o sector puidese arrincar logo que se levanten as medidas?
É difícil de calcular, porque as partes deberan sentarse e ir calculando a canta xente pode afectar, dependería da vontade política e administrativa de “a quen queremos axudar”. A nós, como asociación, esa cifra é difícil de calcular.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.