Ponteareas solidarízase co pobo saharauí

Asina convenio de 6.000 € con Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

Ponteareas| O goberno de Ponteareas, representado polo Alcalde Xosé Represas, mantivo un encontro coa presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, para a sinatura do convenio que permite desenvolver o programa de “Axuda alimentaria para os campamentos de refuxiados saharauis” e así poder cubrir o déficit existente de arroz, aceite, azucre, legumes…. etc e almorzo nas escolas dos campamentos de refuxiados saharauis.

O goberno e a asociación asinaron un convenio por valor total de 6.000€ que permite a axuda no financiamento para procedementos de prevención da COVID-19 e evitar un maior deterioro na situación humanitaria; especialmente, porque a taxa de anemia entre as mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou até superar o 73%, como a porcentaxe de malnutrición entre as persoas menores de 5 anos, que se aproxima ao 25%.

A situación de emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19, que estamos vivindo na actualidade, fixo que o convenio que se viña asinando en anos anteriores para poder financiar os traslados do Programa de Vacacións en Paz, que tivo que ser suspendido, tivera que adaptarse á pandemia. “Este ano colaboramos cubrindo as necesidades urxentes nos sectores básicos (auga e hixiene, saúde, nutrición…..) para os refuxiados saharahuis, que se viu incrementada por mor do Covid-19”.

Deste xeito, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e agradece a labor que ven desenvolvendo para tratar de mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauis, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos.