O Museo do Pobo Galego acollerá a primeira edición do ciclo VanGal

O ciclo VanGal terá lugar os días 6, 7 e 8 de novembro con concertos na Igrexa de Santos Domingos de Bonaval e intervencións en diferentes espazos do museo.

Santiago de Compostela | O Museo do Pobo Galego acollerá os días 6, 7 e 8 de novembro o ciclo VanGal 2.0, un evento multidisciplinar que combinará actuacións musicais de catro artistas na Igrexa de Santo Domingos de Bonaval con coloquios e intervencións expositivas en diferentes espazos do museo.

A primeira edición do ciclo VanGal terá como protagonistas a MounQup, o proxecto da francesa Camille Hèdouin; a Faia Diaz, coa presentación do seu primeiro disco Ao cabo leirín; a Laura LaMontagne xunto a PicoAmperio na súa recolla da tradición lírica da canción galego-portuguesa; e a DJ e ilustradora Teresa Ferreiro. Todas elas artistas, que dende os seus diferentes ángulos de traballo, están abrindo novas caligrafías que van da electrónica aos ambientes íntimos no musical, cuns perfís que abarcan diferentes disciplinas artísticas e cunha intensa posta en escena que evade arquetipos xa coñecidos.

As artistas protagonistas desta primeira edición son MounQup, Faia, Laura LaMontagne xunto a PicoAmperio e Teresa Ferreiro.

O obxectivo da actividade será poñer o foco nestas catro figuras da reforestación folclórica a través da vangarda alternativa galega para dar a coñecer toda a riqueza das súas propostas. Con este fin, antes de cada actuación terá lugar unha intervención de cada unha delas. Nestes puntos de encontro co público presentaranse as súas intervencións expositivas e ademais servirán para afondar nas súas traxectorias e visións artísticas, para mostrar as conexións e pontes transoceánicas con outras culturas e para evidenciar a trasmisión dunha Galicia políglota, feminina e actual.

Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Os concertos terán lugar na Igrexa de Santo Domingos de Bonaval e as charlas e exposicións repartiranse por diferentes espazos e salas do Museo do Pobo Galego. O aforo para asistir a estas actividades será limitado e controlado, tendo que retirar as entradas previamente. Máis información a partir do día 15 de outubro de 2020.

Esta actividade está organizada polo Museo do Pobo Galego e o colectivo Ruido de Fondo, con Marcos Gendre e Adrián Herrero como membros organizadores desta edición. Conta co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia.