Remata o reparto dos 50 novos composteiros individuais en Carballo

Case 1.500 familias participan nas iniciativas de compostaxe promovidas polo Concello

Carballo |Esta semana completouse o reparto dos 50 novos composteiros individuais adquiridos polo Concello de Carballo, coa colaboración de Sogama, para seguir estendendo as iniciativas de compostaxe por todo o territorio municipal. Coas novas incorporacións son xa 392 as familias da zona rural implicadas na compostaxe, que lles permite dispoñer de un abono de calidade para utilizar nas hortas domésticas.

Pero no concello hai tamén máis de 1.000 familias da zona urbana e máis de 100 establecementos que están a colaborar na redución dos residuos a través da participación no programa de compostaxe “Ti tes a chave”.

Carballo segue apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos. E por iso segue recollendo solicitudes tanto na zona urbana coma na rural.

Na vila, as persoas interesadas poden achegarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34).
Nas parroquias, só teñen que cubrir o impreso que pode descargarse ao final desta nova e presentalo no Rexistro Municipal.
Nestes momentos hai 61 familias en listaxe de agarda, pero o obxectivo é atender todas as peticións que se reciban.