“Hoxe en día o rural e o urbano galegos non están moi afastados entre eles”

Ana Estévez | Directora da MICE
Foto: Denis Estévez

Ana Estévez é a directora da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) que se celebra do 25 ao 29 de agosto no Museo do Pobo Galego. Esta XV MICE reunirá exemplos de cinema ligado ao desenvolvemento humano dentro de entornos específicos. Unha oportunidade única para coñecer como son as persoas e como se desenvolven noutros lugares do mundo. Podedes ver toda a información en no site da MICE

-Cales son os trazos que definen a MICE fronte ao abano de festivais de cinema que hai en Galicia?
É un festival de cinema, si, mais conserva o nome de “mostra” porque hai quince anos si era unha mostra. Mais desde hai cinco anos é un festival con competición internacional, competición galega e tamén con outras colaboracións que derivan en premios con dotación en metálico. A MICE tamén é dos festivais máis consolidados en Galicia, mais o que o consolidou definitivamente foi a súa temática, a súa dedicación, que é a etnografía e antropoloxía audiovisual, un campo que entra dentro das Ciencias Sociais cunha grande relación co cinema. Esta relación entre cinema e antropoloxía visual como lle chaman agora, é o noso eixo vertebrador. Ademais tocamos moitas temáticas e outras disciplinas. O cinema etnográfico pode relacionarse con outros contidos que non só sexa o rural, senón o social e utiliza o cinema clásico máis observacional ao máis experimental.

-Dentro do festival existen diversas seccións. Cales son os contidos que máis destacarías?
Son actividades que van máis alá das proxeccións. Mice Petís, porque tentamos achegar este tipo de cinema, sobre todo achegar diferentes realidades socioculturais aos pequenos através do cinema. Por outra parte, a exposición anual en relación co Festival serve para coller algún dos temas que vertebran esta edición, neste caso a memoria histórica. Por iso este anos temos a exposición “As Pequenas Cousas: de como os obxectos gardaron unha memoria perseguida”, da UNED que leva anos investigando a memoria histórica, por iso quixemos traer esta mostra para a MICE. Logo está a formación, porque para nós, dentro dos cinemas en xeral é importante a antropoloxía, tendo en conta que en Galicia, ningunha das universidades ten un grao de antropoloxía. Desta maneira quixemos aportar un gran de area.

-Será esta edición a que poda chamar a atención das universidades para a creación dun grao ou estudos ampliados en antropoloxía?
Estamos colaborando coa Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO). Hai un número importante de antropólogas e antropólogos licenciados noutras universidades. É un tema que esperta interese a nivel de formación. A colaboración coa AGANTRO que dota dun premio, esperamos que con isto haxa interese en crear estudos máis amplos en antropoloxía.

-Queda moito por descubrir aínda dentro do audiovisual e do etnográfico en Galicia?
Si, dentro do etnográfico moitísimo. Non só porque hai unha grande parte do patrimonio etnográfico descoñecido. Polo meu labor dentro desta área, persoalmente creo que hai unha grande parte dentro dese patrimonio etnográfico descoñecido, sobre todo o patrimonio inmaterial. Ademais, a visión da etnografía é moi restrinxida, témola asociada só á cultura do ámbito rural. A cultura é un elemento popular, hoxe en día o rural e o urbano en Galicia non están moi separados, non son tan diferentes. O teu entorno pode estar arrodeado de edificios altos ou casas baixas, mais se cabe un neno de aldea ou cidade están os dous coa Play Station.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.