Inícianse os trámites para a recuperación do entorno da ermida de San Vicente no Rosal

O Concello actuará como mediador para que os veciños poidan solicitar a Medio Rural a corta dos eucaliptos das áreas colindantes

O Rosal | O goberno municipal mantivo unha reunión esta semana con distintas personalidades coa intención de traballar conxuntamente na posta en valor e recuperación do entorno da ermida de San Vicente, situada no lugar de Marzán. Á reunión acudiu a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, xunto cos concelleiros Carlos Villanueva, Ramón Fernández e a técnica forestal como representación do Concello. Estiveron presentes tamén na xuntanza veciñas de Marzán da Comisión de San Vicente, membros da asociación forestal “A Jalleira” e o párroco da ermida, Don Julio.

A ermida de San Vicente, da época medieval, posúe un entorno cun importante valor patrimonial, xa que nel se atopan tamén dous sartegos medievais escavados en pedra, un conxunto de catro muíños e un lavadoiro. A recuperación deste espazo e a limpeza forestal das súas inmediacións son de vital importancia para o concello, especialmente nunha situación de risco para o patrimonio existente na área, posto que son ocasionais os desprendementos de pólas de árbores que poden ocasionar danos estruturais.

O proceso de recuperación viuse dilatado no tempo debido á complexidade dos procesos burocráticos necesarios para tal fin, ao ser unha área na que son necesarios permisos de varias sectoriais (Patrimonio, Confederación Hidrográfica, Estrada Provincial e Medio Rural). Isto tórnase mais complexo ao estar a propiedade do entorno da ermida en mans de múltiples propietarios forestais, os cales precisan dirixirse a Medio Rural para solicitar unha corta dos eucaliptos das súas fincas.

Ante esta situación, o Concello do Rosal decidiu dar un paso á fronte establecéndose como un mediador, creando un modelo de autorización para que os propietarios lle cedan a súa autorización para xestionar o trámite con Medio Rural de forma conxunta. O obxectivo desta acción é axilizar o proceso e conseguir que teña viabilidade, colocando o primeiro chanzo deste obxectivo na reunión mantida esta semana.

Dende o Concello agradecen profundamente a colaboración das veciñas de Marzán da Comisión de San Vicente, membros de asociacións e demais partes presentes na xuntanza por colaborar coa recuperación e posta en valor dunha parte patrimonial fundamental para o municipio como o é a ermida de San Vicente e todo o seu entorno.