O BNG de Mos remite ao goberno municipal un listado de medidas para garantir a seguridade no inicio do curso

Gustavo Barcia e a deputada Carmela González mantiveron unha reunión coas ANPA dos centros educativos públicos do concello.

Mos/BNG | Quedan poucas semanas para o inicio do curso escolar e as nais e os pais non ocultan a súa inquedanza ante a falta de información por parte da Xunta de Galiza. Así o puideron constatar o portavoz do BNG no Concello de Mos, Gustavo Barcia, e a deputada no Parlamento Galego Carmela González, que mantiveron unha reunión con representantes das ANPA dos nove centros educativos públicos do municipio. A situación epidemiolóxica derivada da covid-19 e a posibilidade de que xurdan novos surtos nas escolas están no foco das súas preocupacións.

As nais e os pais amosaron a súa inquedanza ante as aglomeracións no transporte escolar e a ausencia de garantías sanitarias.

Carmela González denunciou a “inacción e confusión que está a transmitir a xunta” e sinalou que a Conselleira de Educación “leva meses desaparecida sen adoptar medidas profundas e eficaces”. Na súa opinión, “os dirixentes da Xunta miran para outro lado porque viven noutra realidade, xa que nunca foron usuarios da Educación Pública. Anunciou que o BNG xa se puxo a disposición do goberno galego para deseñar un plan eficaz de volta ás aulas e, do mesmo modo, Gustavo Barcia presentou unha serie de medidas para aplicar a nivel local que xa foron
trasladadas ao goberno de Nidia Arévalo.

Algunhas das propostas do BNG, tal como recoñece Barcia, “non son competencia do Concello”, pero o concelleiro nacionalista entende que “dende o goberno municipal si poden exercer presión sobre a Xunta, máis aínda cando son do mesmo partido, para que as apliquen”. A primeira das medidas recollidas no escrito e a elaboración, por parte do Concello, dun listado de locais e edificios públicos para poñer a disposición dos centros de ensino e a Consellería de Educación que poidan ser utilizados, se así o consideran, para a actividade escolar. Tamén se
propón o reforzo do persoal de limpeza, non só ampliando horas senón contratando máis persoal, para que a desinfección dos centros sexa efectiva, así como o reforzo do persoal de mantemento. Barcia sinala que “na situación actual calquera incidencia nas instalacións, como pode ser o mal funcionamento dun baño, debe ser arranxada canto antes e o persoal que hai agora é insuficiente”.

Garantir a seguridade
Por parte das ANPAS transmitiuse a inquietude ante a situación do transporte escolar, xa que o alumnado terá que gardar nas aulas unha distancia de máis dun metro, pero no autobús as rapazas e s rapaces poderán ir apiñados. Tamén existe preocupación polo funcionamento do comedor escolar, que no caso de Mos está xestionado polas ANPA, polas actividades extraescolares ou polo gasto que vai supoñer para as familias o uso obrigatorio da máscara. Para dar resposta a estas demandas, o BNG entende que será preciso ampliar o número de liñas do transporte escolar, incrementar a subvención municipal para os comedores, acometer as melloras pendentes nas instalacións e proporcionar a cada alumno, de forma gratuíta, un par de máscaras hixiénicas homologadas e reutilizables. Do mesmo modo, Gustavo Barcia reiterou a necesidade de crear a figura da enfermeira ou enfermeiro escolar que, na súa opinión, “xa era moi necesaria sen covid pero agora é imprescindible”.