Curso de iniciación ao fototrampeo para achegarse á fauna de Ponteareas

Ponteareas | A concellería de Voluntariado de Ponteareas, que dirixe Miguel Bouzó, vén de abrir o prazo de inscrición para a celebración dun curso básico de fototrampeo, no marco das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.

O fototrampeo é unha técnica de observación de fauna que causa moito interese entre a sociedade, dado que achega a fauna dun xeito diferente, con interesantes imaxes e vídeos.

O curso, que ten un prezo de 20€, celebrarase os vindeiros días 21 e 22 de xullo no auditorio municipal, para maiores de 14 anos en horario de 16:30 a 20:30h. Servirá para coñecer o funcionamento das cámaras de fototrampeo, os métodos para a súa colocación e como observar o medio natural para escoller os mellores lugares para conseguir resultados.

Miguel Bouzó anima ás persoas interesadas a que se inscriban e participen neste curso, que combinará a formación teórica coa saída a realizar unha parte práctica no medio natural. As inscricións estarán abertas ata o luns 20 de xullo no enderezo electrónico omix@ponteareas.gal ou no teléfono 986660765.