A unha e outra beira: o Atlántico.

Atinou Castelao ao empregar as figuras, tráxicas diría el, das irmás Castro como símiles do corpo colectivo da nación, en reiterada frustración, encastada nun recanto entre Portugal e Castela. Lembremos. Dona Xoana (?-1374), a raíña por unha noite, soterrada no Panteón Real de Compostela, repudiada polo inestábel Pedro de Castela. Aquel que bandeaba de Cruel a Xusto segundo amañecese, mesmo á custa de que quen, segundo certa historiografía con excesivo cheiro a invención decimonónica, puxo no seu epitafio: “Aquí xace Fernán Ruiz de Castro, toda a lealdade de España” se enrabiase. Así foi, o Conde de Lemos, encabuxado polo trato real á súa irmá, cruzou o Miño, asentouse en Monçao e desvinculouse, ante notario, da coroa de Castela. Despois Pedro pediría papas e o de Castro decataríase de que os seus intereses, e os da nobreza laica galega, defendíanse mellor apoiando a Pedro na disputa dinástica con Henrique, aínda que este último portase o título galego de Trastámara.

A media irmá Inés (1320 ou 1325- 1355), engaiolou outro don Pedro, o de Portugal, mais, poetiza Camões: “O velho pai sesudo, que respeita/ o murmurar do povo e a fantasia/ Do filho, que casar-se não queria/ Tirar Inês ao mundo determina,/ Por lhe tirar o filho que tem preso,/ Crendo co´o sangue só da morte indina/Matar do firme amor o fogo aceso”. Ben saben a historia. Inés asasinada polos temores do rei e a nobreza portuguesa á influencia perversa dos Castro e do “partido galego”. Rememora Camões, tamén de ascendencia norteña: “O caso triste, e digno de memória/Que do sepulcro os homens desenterra,/ Aconteceu da mísera e mesquinha/que depois de ser morta foi Rainha”. O engaiolado Pedro, xa rei, obrigou os nobres conspiradores a bicar o anel da raíña na man esquelética de quen reinou de morta. Prosegue Camões: “Do justo e duro Pedro nasce brando/ (Vede da natureza o desconcerto)/ Remisso e sem cuidado algum, Fernando,/ Que todo o reino pôs em muito aperto;/ Que, vindo o Castelhano devastando/ As terras sem defesa, esteve perto/ De destruir-se o reino totalmente;/ Que um fraco Rei faz fraca a forte gente”. O fraco Fernando reinou en Galicia por aclamación nobiliaria durante tres anos. Quen devastaba era Henrique, o Trastámara. O “inconstante” Fernando e o magro irredentismo portugués, por temor a Castela, abandonounos. Dona Xoana, aldraxada. Dona Inés, amada, despois de morta.

Mais Portugal aseguraría a súa independencia converténdose nun “azar inexplicado e inexplicable” en palabras de Sánchez Albornoz no seu intento de desentrañar o “enigma” de España. As verbas de don Claudio incítanme a dúas reflexións. Primeira, semella que o nacionalismo español liberal-progresista (sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario) ten serias dificultades para esgazarse da matriz imperialista e castelanista; as dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou. Estaremos nunha terceira tentativa ou só nun amago?.

Segunda, o simplismo da visión xeografía como base dun iberismo galante e natural, aínda que só ben visto se é condescendente co que se considera maioría territorial, poboacional e cultural. Portugal non é un absurdo político porque a aparencia de “continuidade” xeográfica non determina a historia, nin a xustifica, como, por poñer un exemplo, non explica que as chairas centrais europeas teñan que formar parte dun espazo político unificado, por moito que o pretendan as teorías dun “espazo vital” (Lebensraum) alemán.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.