“Queremos un PSdeG máis forte para protagonizar o cambio de goberno na Xunta”

 Gonzalo Caballero | candidato á secretaría xeral do PSdeG

VIGO/ Se o vindeiro 8 de outubro Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) resulta elixido secretario xeral do PSdeG tentará acometer unha renovación integral do partido coa vista posta na recuperación do goberno galego para as forzas de esquerda. Neste sentido, e aínda que non quere afondar nos posibles acordos co BNG e En Marea, cita como referentes os gobernos de Fernández Laxe (1987 – 1990) e Pérez Touriño (2005 – 2009).

Na presentación de avais para concorrer á elección como secretario xeral dos socialistas galegos superou claramente aos seus opoñentes, con 2.297 avais seus, 1.803 de Fernández Leiceaga e 1.790 de Díaz Villoslada. Percibe polo tanto un claro respaldo ao seu proxecto?
Vimos de pechar a primeira fase das primarias, coa presentación dun alto número de avais, polo que temos as expectativas iniciais superadas, aínda que o importante será o número final de votos. Por iso seguimos traballando para os e as militantes apoien o noso proxecto de renovación do PSdeG.

 Neste contexto, ve factible a posibilidade dun pacto con algún dos outros candidatos?
Queremos manter a mesma folla de ruta que iniciamos en xullo, que consiste en percorrer a maioría das agrupacións de Galicia. Agora non podemos modificala.

 Efectivamente, as súas redes sociais amosan o percorrido que está facendo polas agrupacións do PSdeG. Como está vivindo estas reunións? Que ambiente nota nestas visitas?
Ten sido un traballo intenso, pero despois de dous meses percorrendo as agrupacións percibimos que hai unha importante base social que está pedindo un cambio de ciclo. Neste sentido estamos moi satisfeitos de ter iniciado este proxecto para que haxa un cambio no panorama político galego.

 Hai algunha mensaxe en particular que lle transmiten os militantes?
Hai distintas opinións e recibimos diferentes propostas, unhas máis orgánicas e outras máis relacionadas coa situación de Galicia, pero o denominador común é que os militantes son conscientes de que o PSdeG necesita un cambio, porque desde 2009 non fomos quen de construír unha alternativa ao PP.

Que obxectivos quere cumprir se no vindeiro mes de outubro resulta elixido secretario xeral dos socialistas galegos?
Nós consideramos que o PSdeG ten que cambiar de rumbo e apostar por un proxecto renovador nas liñas da acción política e fortalecer o PSdeG para propiciar un cambio político en Galicia e combater as políticas nas institucións e na rúa. Somos a alternativa ao PP porque representamos a esquerda. Temos que ser a alternativa útil para Galicia.

Nestas circunstancias como enfoca as relacións co BNG e En Marea?
Nós agora temos que fortalecer o noso proxecto e a partir de aí teremos que establecer os pactos políticos en cada convocatoria electoral; en cada unha delas teremos que ver a nosa folla de ruta. Nós somos a esquerda con capacidade de liderar gobernos de esquerda e nese ámbito temos experiencia, como son os gobernos que encabezaron González Laxe e Pérez Touriño.

Considera factible unha alternativa ao PP no goberno da Xunta?
A democracia implica necesariamente a alternancia e nós temos que ser quen de construír unha alternativa. O goberno do PP rematará sen impulsar a economía galega, cun tecido industrial feble, con recortes nos servizos público… Está claro que nestas circunstancias é fundamental artellar unha alternativa ao Partido Popular.

 Que valoración fai do goberno de Vigo?
Gobernamos en tres das catro deputacións e moitos concellos galegos, polo que temos unha experiencia de goberno contrastada. No caso de Vigo é un exemplo de goberno cun gran respaldo cidadá. Temos que compatibilizar a xestión cun exemplo de políticas en clave galega que nos permitan retirar a Feijoo porque as decisións que aplica na Xunta implican uns tremendos recortes á sociedade galega.

 Pensa que o goberno de Abel Caballero é un freo ás políticas do PP?
Vigo é a cidade máis importante de Galicia e cun amplo respaldo. Neste sentido está centrado en cuestións municipais e o reto de desbancar a Feijoo competénos a todos os galegos.

 Que lle diría aos militantes socialistas que teñen dúbidas para elixir ao seu secretario xeral para animalos a respaldar o seu proxecto?
Quero trasladarlles a mensaxe de que o PSdeG necesita apostar por un cambio de rumbo e o noso proxecto está centrado na renovación. Pensamos que o inmobilismo é un erro tremendo. Por iso o noso compromiso é facer un PSdeG máis forte para protagonizar un cambio de goberno na Xunta.

Xornalista. Estudou Filosofía, Traballou no departamento Prensa e Comunicación do Grupo Municipal BNG Concello de Vigo. Colabora en varios xornais galegos. Colaboradora no Concurso de Microcatrorelatos do Café De Catro a Catro.