‘Morris’ recibirá o Premio Cinema Galego no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

O coñecido actor manterá un encontro co público no Museo Massó o sábado 9 de setembro, na primeira xornada do FICBUEU 2017

Bueu | O actor Antonio Durán, máis coñecido como ‘Morris’, recibirá o Premio Cinema Galego no 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. A entrega do galardón, co que desde este décimo aniversario se recoñecerá anualmente a traxectoria dun profesional da industria audiovisual galega, terá lugar o sábado 9 de setembro ás 19.45 horas na sala multiusos do Museo Massó, na xornada inaugural do FICBUEU 2017. O eterno “cuñado” da serie Pratos combinados, que pasará o día gozando das actividades do certame, manterá tamén un encontro co público, que tomará forma de entrevista en profundidade.

A conversa debullará o camiño que ‘Morris’ percorreu ata converterse nun referente da pequena e a gran pantalla, aínda que tamén conta cunha longa experiencia interpretativa en teatro. Actor e presentador en diversos programas da Televisión de Galicia desde os seus inicios, tras o popular papel do pillabán Antón, amante das “necoriñas”, participaría posteriormente en sonadas series como Padre Casares, Hospital Real ou O final do camiño. No cine traballou con directores de renome como Fernando León, en Los lunes al sol e Princesas; Icíar Bollaín, en Mataharis; Ignacio Vilar, en A Esmorga ou Alfonso Zarauza, en Os fenómenos.

Na súa dilatada traxectoria profesional, Antonio Durán obtivo numerosos premios televisivos e teatrais. Foi nomeado en quince ocasións aos premios Mestre Mateo, dos cales obtivo catro. Entre os seus últimos proxectos atópanse Pieles, estreada este ano na Berlinale, e Dhogs, a primeira película en galego que se exhibiu nos 50 anos do Festival de Sitges. Axiña poderemos ver a súa participación en A estación violenta, ópera prima de Anxos Fazáns, e en Fariña, serie de Atresmedia baseada no exitoso libro do mesmo título sobre o narcotráfico en Galicia.