A colección de pergameos enriquece os fondos da RAG dispoñibles na Rede co gallo do Día dos Arquivos

Está composta por cerca de 300 documentos, públicos e privados, que permiten afondar na historia de Galicia desde o século XII ata o XVIII
Día dos Arquivos
Pergameo en galego máis antigo da colección da RAG, datado en 1259.

A Coruña | O Arquivo da Real Academia Galega acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e, nas vésperas desta conmemoración, propón unha viaxe desde academia.gal á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo da RAG e o máis vello dos escritos en galego da institución.

Desde o ano 2008, cada 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.

O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro (Pontedeume) no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía.

Da finalidade práctica inicial á reconstrución do pasado

O historiador Pegerto Saavedra explica a finalidade que tiñan documentos coma estes na súa orixe e a importancia que adquiriron hoxe en día. “Dicía o grande historiador francés Marc Bloch que os campos sen señor son campos sen historia. Para fortuna dos historiadores de Galicia (pero non tanto para a dos labregos e veciños de moitas vilas que viviron sometidos ao poder señorial), a nosa terra tivo desde a Alta Idade Media moitos señores, principalmente institucións eclesiásticas e tamén estirpes da nobreza. As investigacións sobre os séculos VIII-XV están baseadas sobre todo en documentación procedente de mosteiros, mitras e cabidos e, de modo secundario, de casas da aristocracia. Os arquivos desas institucións e familias tiñan no entón unha clara finalidade práctica: constituían as armas coas que os seus donos acreditaban e defendían uns patrimonios formados por terras, décimos e outros privilexios variados, desde monopolios de pesca e caza até facultades de tipo político. Non resulta raro, polo tanto, que eclesiásticos e nobres fabricasen abundantes documentos falsos para legalizar a posteriori, como doazón de benefactores, desde reis a particulares, o que antes tomaran pola forza”, contextualiza.

Séculos despois, a documentación señorial como a conservada na RAG non só permite coñecer a historia da institución á que pertenceu, tamén fai posible reconstruír como era a economía e a sociedade da comarca á que se refire. “As mencións á clase de gando, aos diversos cereais, aos modos de cultivo, aos frutais, ás construcións para o almacenamento… son de grande interese”, salienta. Estes escritos históricos son ademais unha fonte esencial para a investigación filolóxica, para estudar desde a aparición dun idioma na escrita ata a toponimia e a onomástica.

O momento da introdución do galego nos documentos notariais

O 10 de maio de 1259 Sancho Fernández e a súa dona, Maior Fernández, asinaban unha venda de eguas ao mosteiro de Caaveiro. O documento que a recolle é, de todos os pergameos datados da RAG, o máis antigo escrito en galego, nun momento en que a nosa lingua aínda empezaba a consolidarse neste tipo de textos. “Aínda que se conservan uns poucos documentos notariais redactados en galego desde a década de 1230-1240, ata 1250 a lingua que se utilizaba nestes textos era o latín, como na xeneralidade dos escritos, con excepción das cantigas trobadorescas. A partir do ascenso ao trono do rei Afonso X O Sabio (1252) comeza a usarse cada vez máis o galego, pero antes de 1260 os documentos nesta lingua aínda son escasos”, explica o académico Henrique Monteagudo.

Un factor fundamental no impulso ao uso do galego no ámbito notarial e xudicial foi a reforma do notariado, coa designación de notarios del Rei, asignados a xurisdicións territoriais concretas (vilas ou terras), prosegue. Precisamente, neste documento cítase o rei Afonso X na fórmula de datación, e subscríbeo o notario del Rei nas terras de Trasancos e Bezoucos, Pedro Rodriguez. “A carreira deste notario, polo que sabemos del, é significativa”, salienta o secretario da RAG: en 1250 e 1253 subscribe cadansúa carta do mosteiro de San Salvador de Pedroso (na terra de Trasancos), feita en latín; no tombo de San Xoán de Caaveiro recóllese unha carta del, como notario público del Rei, dado en Trasancos e Bezoucos, feita en 1252, e, xa en 1257, subscribe un documento en galego do mosteiro de Pedroso e en 1259 outros tres, tamén en galego, do de Caaveiro.

Henrique Monteagudo chama tamén a atención sobre as persoas nomeadas no documento. Maior Fernández é mencionada como filla de Fernán Pérez de Andrade, devanceiro do nobre do mesmo nome que se faría célebre nos últimos decenios do século XIV. Cítase tamén, na fórmula de datación, a Rodrigo Gómez de Trastámara, “ricome de Galiza”, o aristócrata máis sobranceiro da Galicia de mediados do século XIII, derradeiro representante da célebre liñaxe de Traba – Trastámara.

No tocante ao asunto deste escrito, Pegerto Saavedra apunta que as eguas teríanas en parcería os vendedores e os cóengos, e que entre eles había algunha diferenza. “Por iso na escritura queda declarado que a venda é voluntaria e que non haberá reclamacións posteriores”. Non indica cantas eguas se venden nin onde están, pero tendo en conta a situación do mosteiro e que nas serras dos arredores foi habitual a cría de gando bravo nos montes, pódese admitir que eran animais que estaban en pastos montesíos, o que acredita a importancia que na economía da época tiña esta actividade pecuaria.

A carta de couto de 117

A colección de pergameos da RAG arrinca cronoloxicamente no século anterior á devandita venda de eguas rexistrada en galego. O documento máis antigo é unha carta de couto, unha concesión, “verdadeira ou suposta”, que o monarca Afonso VII lle dá ao mosteiro de Caaveiro dun territorio ben demarcado, indica Pegerto Saavedra. Leva data de 1117, pero os paleógrafos consideran que é posterior. “De calquera xeito, hai outro da mesma data que amplía moito o termo do couto e que, en opinión de José Luis López Sangil, seguramente foi redactado contra 1135 para conseguir que o monarca confirmase unha suposta doazón orixinal agora convenientemente alargada”.

No territorio do couto, os cóengos van ter, ademais de dereitos de propiedade, privilexios de tipo señorial: os moradores do couto serán vasalos do mosteiro, que debe nomear xuíz (cando non o é o mesmo prior) e demais oficios encargados do goberno, cobrará diversas cargas, como a loitosa (unha res á morte do cabeza da casa), e gozará de monopolios como o da pesca no tramo do río Eume incluído nos termos doados.

As cartas de couto en beneficio en institucións eclesiásticas son frecuentes na documentación e, á parte de permitiren ver a importancia que tiveron as doazóns na formación dos patrimonios señoriais, resultan fundamentais para entender a organización politíco-administrativa do territorio, repartido en centos de pequenas circunscricións nas que bispos, mosteiros, cabidos e familias nobres exercían o seu poder. Este tipo de organización mantívose até a creación, no proceso de revolución liberal, dos novos municipios, xa na década de 1830, engade o académico.

A maioría dos documentos son de orixe eclesiástica

Ao igual que estes dous documentos destacados, a maior parte dos pergameos que custodia a RAG, máis de 200, teñen a súa orixe en institucións eclesiásticas. Oitenta e un proceden do mosteiro de Santa María de Monfero; 74, de Santa María de Sobrado dos Monxes; e 14, de San Xoán de Caaveiro.

A dispersión dos arquivos dos mosteiros é consecuencia dos avatares acontecidos desde a desamortización. Boa parte dos fondos eclesiásticos foron nacionalizados en 1835, o que supuxo que perdesen a finalidade e organización orixinarias para quedaren convertidos en patrimonio. “A miúdo foron parar a depósitos diversos, cando non remataron en mans de particulares ou destruídos”, comenta Pegerto Saavedra. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid garda hoxe moita documentación de mosteiros, conventos e igrexas de Galicia, pero outra parte está en arquivos galegos como o da RAG.