O IGADI fai balance en Pontevedra dos 25 anos da entidade

NDEA IgadiPontevedra | O Consello Reitor do Instituto Galego de Documentación Internacional (IGADI) reuniuse en Pontevedra co obxecto de facer balance dos 25 anos transcorridos desde a fundación da entidade, en 1991. A cita foi no Centro Cívico Sur, onde radica o seu domicilio social desde maio do ano pasado, e contou coa participación de destacados persoeiros galegos.

O IGADI é un think tank que ten por propósito acompañar e reflexionar sobre as tendencias internacionais e as súas consecuencias para Galicia propoñendo alternativas para unha mellor inserción internacional da nosa comunidade.

O Consello Reitor é unha instancia de asesoramento que baixo criterios de independencia, pluralidade e interdisciplinariedade reúne a expertos e profesionais de diferentes áreas (xornalismo, universidade, consultoría internacional, empresa, sindicatos, sector financeiro, seguridade, tradución, escritores, cooperación internacional…). Actualmente, está integrado por Alejandro Molins, Antonio Martínez Puñal, Emilio Martínez Rivas, Enrique Sáez Ponte, Ignacio Ramonet, Luís Álvarez Pousa, Manuel Fernández Blanco, Manuel Mera Sánchez, María Xosé Agra Romero, María Xosé Porteiro García, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Fortes Bouzán, Xosé Luis Franco Grande, Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xulián Maure. Tamén formaron parte Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro Nolla e o recentemente falecido Ramón Lugrís.

Esta sesión do Consello iniciou tamén o balance da estratexia 2010-2016 e sinalou os trazos esenciais do futuro inmediato da institución co horizonte de 2020. Ademais, analizou o momento da acción exterior de Galicia co referente do decreto aprobado pola Xunta o pasado decembro.