PP Tomiño: “urxe solución aos graves problemas de aparcamento”

Ante a reprodución das grandes fochancas nas parcelas habilitadas

Tomiño/PPdeG | O grupo municipal do PP de Tomiño vén de urxir ao goberno local a que busque e execute unha solución permanente e de calidade fronte ao grave problema do aparcamento na vila tras repetirse, un inverno máis, as graves deficiencias nos leira-parkings habilitados polo Concello para este uso.

Os populares lembraron que, o pasado ano, xa expresaron o seu malestar, recollendo as queixas da veciñanza, polo estado destes espazos de estacionamento, xa que non contan cun firme axeitado e, cando chegan as precipitacións, presentan un elevado grao de deterioro con fochancas e fendas.

E engadiron que, como consecuencia das precipitacións das últimas semanas, estes danos volveron a reproducirse “malia gastar miles de euros en saburra, polo que está demostrado que este material é provisional e non ten a resistencia nin a durabilidade para ofrecer este servizo en condicións”.

“Non estamos ante unha solución para o aparcamento en Tomiño porque a saburra disólvese e non se pode meter o coche con tranquilidade e confortabilidade, polo que, na práctica, estes espazos non poden ser empregados comodamente para o estacionamento”, manifestou a voceira municipal, Lara Meneses.

A formación popular cre que estes aparcadoiros, coa ineficiente solución en saburra á que se obceca ano tras ano o goberno local, “non poden quedan a expensas da choiva que, por outra parte, é moi habitual na nosa terra”, polo que lle esixe ao executivo nacionalista que busque alternativas permanentes.

Para o PP, a solución podería pasar polo asfaltado en quente destes espazos de aparcamento ao aire libre previo acordo cos propietarios das parcelas alugadas “tal e como fan noutros concellos galegos”. De feito, para os populares esta medida suporía, ademais de ofertar un estacionamento en condicións, “un importante aforro” para as arcas municipais, xa que, aínda que o investimento inicial fose superior, evitaríase estar constantemente repoñendo a saburra cun gasto acumulado que acaba sendo moi elevado.

Finalmente, Lara Meneses advertíu de que esta situación está a afectar e a causar graves prexuízos e perdas económicas ao comercio local pola fuga de clientes, ocasiona molestias á xente que traballa na vila e dificulta que veciños doutros municipios se acheguen a Tomiño para facer compras, visitas ou pasar o seu tempo de lecer.

“Cando un problema se repite, como neste caso, hai que cambiar as solucións, pero o BNG segue enfrascado, sen buscar unha alternativa diferente con visos de permanencia, e adicándose a temas de moita maior irrelevancia”, lamentou a concelleira popular, que anunciou que, de non solucionarse este asunto a curto prazo, reclamarán a adopción de medidas ante o pleno da corporación a través dunha moción.