Goberno de Mos define a súa “folla de ruta” ante a Deputación de Pontevedra

A Alcaldesa Nidia Arévalo reuniuse co presidente provincial Luís López

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para expoñerlle a súa folla de ruta de xestión como rexedora local na presente lexislatura e facer un repaso de asuntos de especial importancia para Mos en aras de solicitar á administración provincial a colaboración co Concello para lograr facelos realidade.

Así, Arévalo está a realizar unha ronda de visitas a representantes de administracións supramunicipais co obxectivo de lograr a man tendida en proxectos capitais para Mos. Entre elas atópase este encontro co presidente provincial, que marca o inicio de lexislatura.
Entre os principais puntos comentados pola alcaldesa ao presidente destacan a solicitude de aopio en obras que se quere iniciar canto antes como son a nova fase do Parque da Pesqueira, a senda de Dornelas Porselo-Brea e a estrada de San Cosme.

Así mesmo, Arévalo plantexoulle a Luis López a necesidade de recuperar as axudas provinciais eliminadas polo anterior goberno da Deputación ao tecido asociativo dos concellos, tanto asociacións veciñais como culturais e traídas de auguas.

“É fundamental coidar ao noso tecido asociativo e que a Deputación de Pontevedra volte a apoialo tanto con subvencións como con actuacións no caso dos grupos e asociacións culturais”, explica a alcaldesa de Mos.

Outros temas que a rexedora local lle plantexou ao presidente provincial foron necesidades en infraestruturas deportivas municipais, colaboración en diferentes proxectos de humanización, apoio en eventos culturais e reforzo para a dotación de maquinaria de obras.

A nova lexislatura en Mos
Neste senso Nidia Arévalo asegura que “afrontamos este comezo da lexislatura dándolle maior importancia ás obras prioritarias, baseándonos no programa electoral. Por exemplo no caso da senda de Dornelas, Porselo-Brea, xa temos contemplada unha partida para expropiacións de 40.000 euros no novo orzamento municipal para 2024.

Tamén son fundamentais, a ampliación do Parque da Pesqueira, a nova estrada de San Cosme, saneamentos diversos e mantemento dos novos asfaltados realizados durante a pasada lexislatura, nos que se investiron máis de 2 millóns de euros e nos que faremos un esforzo para manter o asfalto e incluso incluír a construción de novas cunetas”.

A alcaldesa de Mos explica tamén que “levaremos a cabo a 3ª Fase do Paseo do Louro. A mellora de Pereiras, que inclúe a 2ª Fase da Estrada Pereiras-Tameiga e a humanización da contorna da Igrexa de San Miguel. A humanización da contorna da Igrexa de Sanguiñeda para cuxo proxecto contamos con subvención a través do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra.

O remate da humanización do Alto de Puxeiros, para a que estamos pendentes do peche e traslado do aserradeiro alí existente. E a idea de detinar unha partida do Plan Concellos á elaboración dun Inventario Municipal de Bens. Entre outros proxectos”. Conclúe Arévalo.

25N en Puxeiros
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Igualdade mosense, Leo Costas, lembraron hoxe o acto conmemorativo e lectura do manifesto contra a violencia de xénero que se levará a cabo o vindeiro venres 24 ás 12h no Campo da Feira en Puxeiros, ao tempo que solicitaron a maior afluencia da veciñanza para reivindicar a erradicación desta durísima lacra social.

Durante o acto permanecerá instalada a carpa do CIM, Centro de Información á Muller de Mos, e, ao longo da Avenida de Puxeiros, estarán ubicadas nas xardineiras siluetas femininas cos nomes das vítimas deste ano. Diferentes asistentes ao encontro collerán unha flor que, tras facer o pertinente percorrido, deixarán depositada xunto a cada silueta.

Haberá 52 siluetas cos seus respectivos nomes, en homenaxe ás 52 vítimas en España durante este ano.

Terminado o percorrido regresarase ao Campo da Feira para dar lectura ao manifesto conmemorativo. A encargada de lelo será Marta Pereiro, Policía Local de Mos.

No acto participarán como convidados diferentes colectivos culturais, Asociacións de Veciños, centros educativos, Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, etc.

Ademais o Concello de Mos tinguirá desde mañá de morado a súa iluminación nocturna e a partires do xoves, todos edificios municipais, colexios e campos de fútbol municipais van ter unha silueta dunha muller en representación dunha vítima co lema “non somos siluetas, somos vítimas”; lema empregado na campaña municipal do 25N deste ano.

CIM de Mos
O CIM de Mos, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, organiza este ano 2023, no que os casos no que vai de ano xa superan os casos de violencia do ano pasado, sendo una realidade durísima que nos ten que facer reflexionar sobre a importancia na prevención e sensibilización da sociedade contra a violencia machista, unhas accións e actividades neste eido dirixidas especialmente á xuventude e á poboación xeral.

As iniciativas organizadas son: hoxe 21 de novembro, tivo lugar unha chala informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual no IES de Mos, concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade.

O 24 de novembro, ás 12:00h, acto de homenaxe e minuto de silencio en recordo das vítimas de violencia, en Puxeiros. 29 de novembro, charla a cargo de Noelia Míguez para o alumnado do IES. O 1 de decembro, charla para familias de María Couso, Licenciada en Pedagoxía e fundadora de PlayFunLearning, ás 18:30h. E ademais no mes de decembro realizaranse obradoiros nos centros educativos.