PSdeG presenta recurso polas supostas irregularidades na merca de autobuses en Ourense

“Hai un desprezo absoluto polo procedemento administrativo,” sosteñen os socialistas

Ourense | O grupo municipal socialista presentou esta mañá o recurso rexistrado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que se estude se o que está a acontecer no Concello de Ourense con supostos procedementos irregulares na contratación, concretamente sobre a modificación orzamentaria 4P e suplemento de crédito por un importe de case 8 millóns de euros.

O edil José Ángel Vázquez Barquero expuxo que a operación é un “tinglado” co que se pretendía, presuntamente, burlar o prodecemento administrativo e “levar a cabo unha compra de autobuses para a que non tiña o soporte financieiro adecuado”. E nesta liña, lembrou que os tempos de actuación de Jácome foron acordes aos da campaña e precampaña electoral municipal de maio deste ano.

Tamén afirmou que o convenio asinado presenta unha falta de fiscalización por parte do interventor e outros técnicos municipais e que se sustentaba nunha xustificación deficientemente formulada que implicaba ao Ourense Club de Fútbol SAD dun xeito “financieiramente innecesario”.

“Hai un desprezo absoluto polo procedemento administrativo. Non sabemos se por mala fe ou descoñecemento, eu penso que un pouco de cada cousa, tanto en materia de contratación como en materia financiera non se están a seguir os procedementos administrativos adecuados”, puxo de relieve a concelleira María Fernández Ojea.

Así mesmo, sinalou que o que vén facendo o goberno de Jácome nos últimos meses é omitir a función de intervención. “Entre o que din que fan e o que realmente fan hai un abismo infinito e nós intentamos fiscalizar responsablemente, pero non nós é posible explicarlle ao executivo municipal que dirixen unha administración pública”, lamentou argumentando que o diñeiro pode destinarse a todo o que estimen oportuno sempre e cando se xustifique correctamente e se sigan os cauces legais.

“Como levamos catro meses demandando que se fagan as cousas con sentido común e non cambiou nada, vémonos na obriga de que sexa un terceiro, externo, quen decida se se poden facer as cousas deste xeito ou realmente deben ser máis escrupulosos co cumprimento dos procedementos administrativos”, puntualizou.

Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez, engadiu que o “escurantismo, o bloqueo e a mordaza son os símbolos de identidade” do goberno á hora de permitir á oposición desenvolver o seu traballo. “Nós considerabamos que non había información suficiente para avalar esta operación, presumiblemente hai unha serie de irregularidades, e o PP actuou, como noutros casos, de maneira irresponsable como representantes públicos da cidadanía que son”, rematou.

Unha vez acontecida a aprobación definitiva da modificación orzamentaria o único recurso posible é elevalo ao TSXG e a modificación seguirá o seu curso, agás que o alto tribunal considere necesario paralizalo. O que implica o recurso é que se poida discutir se hai eivas administrativas ou se detrás se agocha algún asunto ou interés que non ten que nada teña que ver co procedemento administrativo habitual.